O Portavoz Socialista, Luis Alvarez, dixo que dá a impresión de que Ameijide é unha marioneta de Jaime Castiñeira, porque di aquelo que Castiñeira non se atreve a dicir

“Paréceme lamentable o que teñen que chegar a facer algúns para xustificar a súa dedicación exclusiva”, salientou o Portavoz Socialista, Luis Álvarez, en resposta ás insinuacións sobre as liquidacións da ORA que, fixo onte o Concelleiro do Partido Popular de Lugo, Antonio Ameijide, de acordo coas informacións difundidas polos medios de comunicación.

“Este señor é unha marioneta de Jaime Castiñeira, porque di cousas que o señor Castiñeira non se atreve a dicir e manda a este Concelleiro a dicilas” explicou Luis Álvarez.

O Portavoz Socialista lembrou que non é a primeira vez que Antonio Ameijide fai insinuacións deste tipo, e recordou que, de feito, o propio Fiscal Xefe de Lugo nun escrito do mes de setembro pasado se referiu a outras falsas acusacións ao Goberno Local feitas por Ameijide, tamén sobre o servizo da ORA, como “informaciones sesgadas proporcionadas a diversos medios de comunicación por un Concejal perteneciente al Partido Popular“.

“Dá a impresión de que o señor Ameijide está xogando a un xogo de cartas do que descoñece as regras e descoñece as propias cartas” manifestou Luis Álvarez, e tamén indicou que “este señor ten que ter coidado co que está dicindo porque hai cousas moi perigosas que non se poden dicir con semellante alegría”.