Luis Álvarez expresa a preocupación do Goberno Local polo futuro de servizos como atención domiciliaria, centros de día ou garderías, que non poderán xestionar os concellos se a Xunta non lles dá competencias e cartos para financialas
O Portavoz Socialista, Luis Álvarez, expresou a preocupación do Concello de Lugo polas consecuencias que terá a nova Lei de Administracións Locais na calidade de vida dos cidadáns e nos servizos que o Concello ofrece.
O Goberno Local está moi preocupado polo desenvolvemento da lei aprobada polo Partido Popular, porque é unha lei mala que sementa incertidumes en temas como a xestión de servizos de garderías, centros de día ou a atención domiciliaria, xa que impide ós concellos xestionar estas competencias impropias se non son delegadas pola Comunidade Autónoma coa financiación correspondente, explicou Álvarez.
O Portavoz Socialista instou á Xunta a desenvolver coa máxima celeridade a normativa específica que resolva esta incertidume en Galicia e sinalou o seu temor a que non se produza esa delegación de competencias acompañada da obrigada financiación.
Moito nos tememos que, aproveiten a escusa permanente da insuficiencia económica, esas competencias non se deleguen e teñan que deixar de prestarse os servizos, advertiu Luis Álvarez quen considerou que é unha situación moi preocupante.
En todo caso, declarou que a vontade do Concello de Lugo é darlle continuidade a todos os servizos que presta ós cidadáns para que os lucenses sigan a contar cuns estándares dignos de calidade de vida.
Quero deixar claro o compromiso do Goberno Municipal co servizo que se lle dá á cidadanía e queremos garantir que eses servizos se van seguir prestando, pero estamos preocupados pola limitación que establece a lei ós concellos, salientou Luis Álvarez.