O Portavoz Socialista criticou que Jaime Castiñeira sempre lle dá os parabéns á Xunta por non facer nada na cidade de Lugo
O Portavoz Socialista, Luis Álvarez, lamentou hoxe o abandono ao que o Goberno de Feijóo ten sometida á cidade de Lugo, do que é boa proba o que sucede co proxecto do Centro da romanización, que mantén gardado nun caixón, mentres inaugura cada semana infraestruturas noutros lugares de Galicia, onde goberna o PP.
A Xunta de Galicia inaugurou o sábado 8 de marzo, o Centro de interpretación da cultura castrexa de San Cibrao de Lás, na provincia de Ourense, e unha semana despois, o sábado 15 de marzo, inaugurou o Auditorio de Ferrol, así que a min gustaríame anunciarlles que o sábado 22 de marzo, vai inaugurar o Centro de interpretación da cultura romana no Cuartel de San Fernando de Lugo pero, lamentablemente, elo non vai ser posible a medio prazo, entre outras cousas porque Jaime Castiñeira sempre lles dá os parabéns por non facer nada neste Concello.
Luis Álvarez tamén explicou que mentres a Xunta segue sen afrontar o seu compromiso de construír o Museo da romanización vai a máis o deterioro do Cuartel de San Fernando e o Concello vese na obriga de asumir a responsabilidade de evitar no posible o deterioro deste edificio que foi declarado Ben de Interese Cultural polo Goberno galego. Neste sentido, salientou que a empresa municipal Evislusa xa comezou o estudo de avaliación do estado de conservación do Cuartel de San Fernando.
Abastecemento de auga na rúa Montero Ríos
O Portavoz Socialista tamén explicou que as obras de renovación do abastecemento de auga na rúa Montero Ríos non poden adxudicarse vulnerando a lei, como parece pretender o Grupo Municipal do PP. Luis Álvarez preguntouse se o Partido Popular ten algún interese en particular neste caso, ou é que descoñecen cómo funcionan as mesas de contratación, a pesar de formar parte delas.