O Partido Popular, como quedou demostrado no Pleno do pasado luns, carece de argumentos que xustifiquen as súas posturas

O Portavoz Socialista, Luis Álvarez, afirmou que “Jaime Castiñeira é o candidato perenne do PP que non lle fai sombra ao Alcalde de Lugo e nin sequera achégase a el para facerlla”. Deste xeito, dixo que no PP “teñen que sustentar a súa labor de oposición en detalles absolutamente irrelevantes”.

Luis Álvarez explicou que “o Partido Popular, e quedou demostrado no Pleno do pasado luns, o único que utiliza son microargumentos para defender as súas posturas”, en referencia a que carecen de argumentos que xustifiquen a súa actuación.

O Portavoz Socialista fixo estas declaracións despois do acontecido nesa sesión plenaria, na que “o PP colleu unha frase dun informe” para solicitar a revisión do proceso de adxudicación da Fábrica da Luz.

Luis Álvarez defendeu os procesos de contratación do Concello, e atribuíu a unha confabulación as sospeitas e as dúbidas vertidas sobre as adxudicacións municipais. Segundo o Portavoz Socialista, a demostración de que as empresas confían no Concello é o gran número delas que acoden aos concursos.