O Concello só concede licenzas cos informes favorables dos técnicos

O Concelleiro de Urbanismo e Voceiro socialista, Luis Álvarez, explicou onte que o Concello de Lugo non concede licenzas sen contar con todos os informes técnicos favorables desde que é Alcalde da cidade José López Orozco e instou ó Voceiro do Partido Popular a investigar as axudas e contratos da Xunta e o Igape.

Luis Álvarez negou que o Concello de Lugo lle dera ningún trato de favor ó empresario investigado pola Xustiza Jorge Dorribo, como comprobará o Xulgado cando analice as licenzas concedidas polo Concello, e salientou que “todas as licenzas que foron concedidas teñen todos os informes técnicos favorables necesarios, como sempre se fixo neste Concello dende que López Orozco é Alcalde”. Segundo Álvarez, “neste momento o que parece que se está cuestionando por parte do señor Castiñeira, ao que haberá que empezar a referirse como señor Torquemada, é a profesionalidade dos técnicos que elaboran os informes das licenzas que se conceden.”

O responsable da área de Urbanismo expuxo que “neste Concello non temos nada que ocultar polo que o Partido Popular ten a súa disposición a documentación precisa para que leven a cabo cantas investigacións consideren oportunas”. Neste sentido, invitou ao portavoz do grupo popular “xa que tamén é parlamentario galego, a que empregue ese fervor investigador á estudar á Xunta de Galicia, á Consellería de Medio Ambiente, e as axudas do IGAPE.” E lembroulle que “dentro dos corenta imputados da operación Campeón non figura ningún técnico do Concello de Lugo, pero non podo decir o mesmo da Xunta de Galicia”.

Álvarez tamén lembrou que Laboratorios Nupel deixoulle a deber ao Concello de Lugo 28.000 euros dos patrocinios de actividades tanto do Arde Lucus como do programa Lugo10.