O Grupo Municipal do PP coas súas críticas ao convenio do Concello de Lugo coa Axencia Provincial da Enerxía deixa en evidencia aos concellos gobernados polos populares que tamén o asinaron

O Voceiro do Grupo Municipal Socialista, Luis Álvarez, manifestou que o PP demostrou que critican, sen lelo sequera, o convenio coa Deputación para que a Axencia Provincial da Enerxía revise as facturas eléctricas dos diferentes subministros do Concello de Lugo, das que xa van revisadas máis do 60%, e atrévese a criticar que non baixe o consumo eléctrico cando é o goberno de Rajoy, precisamente, o culpable das constantes subas nas tarifas da luz.

Estas subas abusivas son as que repercuten no continuado aumento das facturas polo consumo eléctrico. E deste problema son ben coñecedores todos os veciños e veciñas, porque o sufrimos todos os consumidores, tanto particulares como empresas e administracións públicas.

O Voceiro do Grupo Municipal Socialista considerou que a Concelleira do PP Isabel Devesa, á que se referiu como “a miña compañeira de Corporación, pero non Concelleira do non Goberno do que non sabemos se candidato pero, dende logo, non Alcalde” xa comezou a campaña electoral, seguramente en coordinación con membros do PP provincial, pero avisouna de que “cando un vai a guerra ten que ter a certeza de que ten munición dabondo e de que esta funcione”.

Luis Álvarez remarcou tamén o feito de que “é moi triste que se produzan vítimas colateraris e tamén o é que acabe habendo vítimas do lume amigo”. Neste sentido, lembrou que “na provincia de Lugo hai concellos gobernados polo Partido Popular que manteñen o mesmo convenio coa Axencia Provincial da Enerxía”.