“O Feijóo perdedor busca acubillo en Madrid”, destaca Álvarez e rexeita chantaxes de políticos que pretenden inhabilitar a un candidato á Alcaldía votado por 14.000 lucenses
“Cada quen deberá responder ante os cidadáns do que faga o 13 de xuño”, advirte Luis Álvarez
O Voceiro do Goberno local en funcións, Luis Álvarez, lamentou hoxe que o Presidente da Xunta no lugar de atender as necesidades que teñen os lucenses viaxe á nosa cidade “para intoxicar” á opinión pública.
“É unha verdadeira mágoa que o señor Feijóo só veña a Lugo a intoxicar e nunca a exercer de Presidente e dar solución as nosas necesidades como poden ser a demanda dos servizos para o HULA ou darlle unha solución á antiga Residencia”, manifestou Luis Álvarez.
O Voceiro do Goberno local en funcións desacreditou as especulacións de Núñez Feijóo, que presidiu onte en Lugo unha xuntanza “anómalamente pacífica de representantes do seu partido” e tivo o atrevemento de situar no Senado o futuro político de José López Orozco.
“O Feijóo perdedor sí que parece que está buscando acubillo en Madrid ”, declarou Luis Álvarez e considerou que “é ben triste que en vez de analizar a debacle do seu partido nas eleccións municipais se adiquen a dicirnos qué cargos do PSdeG teñen que estar en qué postos”.
Luis Álvarez desbotou que o PSOE vaia ceder a ningunha chantaxe e deixou claro que “nós non lle imos admitir a ningún partido político que inhabilite ó noso candidato á Alcaldía de Lugo”, porque sería tanto como aceptar que 70 persoas, segundo a Prensa, impoñan o seu criterio a 14.000, que foron os lucenses que .
Lembrou, ademais, que ningún partido político ten capacidade para inhabilitar a unha persoa, “os políticos facemos política, non somos xuices e, polo tanto, non temos a capacidade para inhabilitar a ninguén e non lle imos a admitir a ninguén que inhabilite ó noso candidato á Alcaldía de Lugo”.
Álvarez rexeitou “o doble xuizo” do que está a ser vítima José López Orozco, sen que ningún tribunal abrira xuizo contra o Alcalde de Lugo en funcións.
“Primeiro foi o xuizo público, que tivo como consecuencia que o señor Orozco presentase de forma voluntaria todas as súas contas e as da súa familia, que conta coa petición de arquivo da Fiscalía e, agora, un xuizo político por parte de persoas que deciden elevarse a sí mesmas sobre o resto da humanidade e pretenden inhabilitalo como candidato a Alcaldía”, expuxo Luis Álvarez.
Respecto da posibilidade de que a negativa do PSOE a aceptar que lle impoñan o candidato supoña darlle a Alcadía de Lugo ó Partido Popular, Luis Álvarez lembrou que “ser Concelleiro non é unha lotería, nin un premio que toca a base de comprar boletos pero parece que algunhas persoas consideran esto unha especie de azar, polo que pode ser que a Castiñeira lle toque a Alcaldía como se esto fora unha tómbola”.
“Cada quen haberá de responder diante da cidadanía dos seus actos e do que faga neste salón de Plenos o sábado día 13 de xuño”, remachou.
En resposta a unha pregunta sobre as novas publicadas hoxe pola prensa sobre unha outra imputación a Francisco Fernández Liñares, o Voceiro do Goberno local en funcións manifestou que “este Goberno quere que se investigue todo canto a Xustiza considere oportuno, sen paños quentes, sen limitacións, en calquera circunstancia e de ahí non nos vai mover ninguén porque ésa foi sempre a nosa posición”.
Tamén considerou que “o tipo de delictos que presuntamente se lle imputan hoxe ó señor Liñares son particularmente repulsivos porque do que se fala é de ataques contra a integridade moral e sexual das persoas”. Pediu que “responda coas debidas garantías das accións incorrectas que puidera ter cometido” e lembrou que “en todo caso, o señor Liñares non é presente nin moito menos o futuro deste partido, é pasado”.