O Portavoz Socialista critica o castigo que supón para Lugo a paralización da Estación Intermodal e destaca que se engade a unha longa lista de incumprimentos dos gobernos do PP

O Portavoz Socialista, Luis Álvarez, criticou hoxe a paralización do proxecto de construcción da Estación Intermodal de Lugo e preguntouse se Jaime Castiñeira estaba ao tanto desta decisión do Goberno do Partido Popular.

“Co defenestrado proxecto da Estación Intermodal, demóstrase, unha vez máis, que o Goberno do PP minte, xa que eles sabían que ese proxecto estaba parado e aínda así se nos enganou”, manifestou Luis Álvarez que se preguntou se “Castiñeira sabía ou non a realidade do que sucede con este proxecto” e considerou que “se non o sabía estivo enganando á cidadanía e no caso contrario quedaría en moi mal lugar dentro do seu propio partido”.

“Lugo é unha cidade castigada polos gobernos do Partido Popular”, destacou Luis Álvarez xa que “o que está a pasar coa Estación Intermodal é un engano máis na longa lista de enganos e proxectos aprazados para Lugo: a Intermodal é un caso, o Plan Paradai é outro, o Cuartel de San Fernando un máis, os servizos pendentes no HULA tamén, a rehabilitación da vella Residencia e así sucesivamente”.

Para Luis Álvarez, os Gobernos do PP “o único que están facendo é seguir unha estratexia que consiste en tratar de afogar á cidade para facerlle crer ós veciños que o Goberno Local non é quen de conseguir logros para Lugo, pero cada un é responsable das súas actuacións e penso que a veciñanza ten moi claro quen é responsable de que estes proxectos non se leven a cabo”.