Pola contra, López Orozco é un candidato fiable e solvente, cunha traxectoria que o avala
O Voceiro do Grupo Municipal Socialista, Luis Álvarez, resaltou que o PP debe ter algún problema de falta de seguridade no seu candidato en Lugo e nalgúns candidatos máis da provincia, porque Feijóo vén de protagonizar este sábado un singular acto de exaltación do produto patrio na Facultade de Veterinaria.
Segundo o Voceiro do Grupo Municipal Socialista, é evidente que o PP en Lugo ten dous problemas fundamentais, un deles é o señor López Orozco e outro é o señor Castiñeira Broz.
Para Luis Álvarez, Orozco é Alcalde desta cidade porque evidentemente é un candidato fiable e solvente, porque a súa traxectoria así o avala e o demostra. Por iso os socialistas lucenses aspiran lexitimamente e con esperanza a que siga sendo o Alcalde durante os próximos catro anos.
O Voceiro do Grupo Municipal Socialista dixo de Castiñeira que todo son incertidumes, porque temos dúbidas de se está en Lugo, en Santiago ou en tránsito. Luis Álvarez tamén destacou que temos permanentemente a incertidume de cal é o seu posicionamento con respecto a servizos básicos demandados para esta cidade e para toda a provincia.
Outra das dúbidas é sobre o seu tempo de reacción ante problemas serios, xa que segundo lembrou Luis Álvarez, fai unhas semanas tardou trinta horas en enfadarse. É certo que iso nun home de Estado é unha virtude, xa que non se pode reaccionar dunha forma visceral e iso podería ser algo ao seu favor, pero o problema é que tardou trinta horas en enfadarse porque tardaron esa cantidade de horas en ser quen de coordinar unha mensaxe que medianamente xustificase o cambio de aptitude do Señor Castiñeira e da Conselleira de Sanidade.
En todo caso, o Goberno Municipal Socialista vai a seguir demostrándolle a opinión pública que o que se di sobre a facturación, o período medio de pago, servizos sociais, obras, atención ás persoas, educación, emprego e todo aquelo no que traballa, ás veces incluso con certas dúbidas de se ten competencias para facelo, pero seguirá traballando e aspira a seguilo facendo a partir de maio.