O voceiro do Grupo Municipal Socialista cuestiona que se poida facer o proxecto do PP coa ordenación urbanística desa zona

Luis Álvarez cre que o Concello de Lugo merece proposicións máis serias que as de Jaime Castiñeira

O voceiro do Grupo Municipal Socialista, Luis Álvarez, refutou hoxe a proposta electoral anunciada por Jaime Castiñeira para construír un aparcamento de 500 prazas no barrio de Fontiñas que, en realidade, supoñería a eliminación de 200 en superficie e que xa suscitou as críticas de hostaleiros e comerciantes.

Luis Álvarez rexeitou a posibilidade de acometer esa obra tendo en conta a ordenación urbanística nesa zona da cidade. “Con 25.000 metros cadrados de superficie libre para construír cunha edificabilidade de 0.05 metros cadrados por m2, resultan 1.250 dos que saen 50 prazas e non 500”. Explicou así mesmo que os arquitectos reservan un estándar de 25m2 para cada praza, polo que é imposible que a superficie de Fontiñas dea para facer 500 prazas, xa que só poden facerse 50.

“O señor Castiñeira multiplicou por dez inexplicablemente as súas expectativas no caso deste aparcamento, igual que divide por dez as expectativas e necesidades da cidade de Lugo no Parlamento de Galicia”. Neste sentido, o voceiro do Grupo Municipal Socialista recoméndalle a Jaime Castiñeira que repase a táboa de multiplicar ou revise este plan para poder dicirlle aos veciños cousas sensatas. Considera que o Concello de Lugo merece propostas máis serias e realizables. Así mesmo, instou ao candidato do PP á Alcaldía que deixe de bloquear as cuestións necesarias para Lugo no Parlamento galego.

Sobre o orzamento necesario para realizar esa obra, Luis Álvarez criticou que Castiñeira “atope 3 millóns de euros para un aparcamento e non haxa 100.000 ou 200.000 para poñer en marcha Hemodinámica as 24 horas no HULA”. Máis grave é aínda que anuncie que o xestionará unha concesionaria, cambiando as 200 prazas en superficie sen custo para os usuarios, por prazas para unha empresa privada.