Como cada 1 de decembro, os Socialistas de Galicia sumámonos á conmemoración en todo o mundo do Día Mundial da loita contra a SIDA. Un día instaurado por Nacións Unidas para lembrar e dar a coñecer á sociedade a epidemia global causada pola infección por VIH.

Segundo o último Informe sobre a Epidemia Mundial de SIDA 2013 de ONUSIDA, 35,3 millóns de persoas viven co VIH no mundo e 1,6 millóns de persoas morreron no último ano por mor de enfermidades relacionadas coa SIDA. Calcúlase que en 2012 déronse 2,3 millóns de novos casos de infección polo VIH en adultos e nenos, o que representa unha caída do 33% desde 2001. Grazas á expansión do tratamento antirretroviral, as mortes relacionadas coa SIDA tamén descenderon nun 30%, en comparación cos índices máximos rexistrados en 2005. En España son ao redor de 150.000 as persoas que viven co VIH, cunha taxa de preto de 3.000 novos diagnósticos anuais.

Neste día queremos denunciar a pasividade, neglixencia e incapacidade coa que o Goberno do Partido Popular abordou nestes dous anos as políticas relacionadas co VIH e a SIDA. A desmantelación da Secretaría do Plan Nacional sobre a SIDA e a súa integración nunha subdirección xeral, coa conseguinte eliminación de recursos e recortes drásticos de persoal, supuxo o preludio da total ausencia de política neste ámbito por parte do Goberno. Este feito provocou que o noso país non avaliase adecuadamente o Plan Multisectorial fronte á Infección por VIH e a SIDA 2008-2012, e que aínda non se aprobase o Plan Multisectorial 2013-2017. Ademais desde xuño de 2012 carecemos de datos epidemiolóxicos actualizados da incidencia real do VIH en España, o que impide planificar estratexias preventivas a curto e longo prazo.

Esta ausencia total de políticas públicas en materia de VIH e SIDA contrasta coa rápida posta en marcha de medidas que restrinxen dereitos e prestacións ás persoas que viven co VIH, como o repago dos medicamentos, o crecente aumento de trabas para a dispensación de antirretrovirais na farmacia hospitalaria ou as restricións no acceso aos medicamentos de última xeración contra a hepatite C. Todo iso sumado á exclusión sanitaria que para moitas cidadás e cidadáns supuxo a aprobación do Real Decreto-Lei 16/2012, que acabou cos principios de universalidade e equidade do noso sistema público de saúde.

As mulleres e homes do PSdeG-PSOE reiteramos hoxe a necesidade de que as políticas que dan resposta á infección por VIH deben ter unha visión e unha actuación integradoras e globais, que contemplen a loita contra o estigma e a discriminación, promovan a prevención, impulsen o diagnóstico precoz da infección e garantan o acceso á medicación; á vez que manifestamos o noso compromiso por un mundo con cero novas infeccións polo VIH, cero discriminacións e cero mortes relacionadas co VIH e a SIDA.

Neste día, queremos tamén denunciar a redución do 75% das axudas destinadas a financiar os programas de prevención do VIH que desenvolven as ONG, pasando de case 4 millóns de euros en 2011 a 1 millón en 2012 e 2013, o que demostra a falta de interese do Goberno para impulsar e recoñecer a importante tarefa que desenvolven as organizacións sociais que traballan no VIH no conxunto do Estado. Uns recortes que supuxeron a eliminación de multitude de programas de prevención e asistencia, e que están abocando ao peche a moitas destas organizacións, perdendo un tecido social esencial para gañar a batalla á pandemia.

No noso país, o Goberno Feijóo reduciu a súa achega á loita contra a SIDA nun 55% o que provocou a desaparición dos Comités Antisida de Ourense, Vigo e Compostela, destino que tamén pode seguir o de Ferrol, que está a piques de pechar. Ademais, as campañas de prevención desapareceron da axenda do Goberno galego, en especial as accións entre as mozas e mozos, precisamente o grupo de idade no que se está a dar un preocupante repunte de infeccións por VIH.

Queremos tamén denunciar a discriminación da que son obxecto as persoas que viven co VIH e sumamos a nosa voz á de quen desde as organizacións sociais demanda o cese das restricións no seu acceso a profesións como as forzas armadas e os corpos e forzas de seguridade do Estado, ou o acceso a servizos como residencias de maiores, centros de día…

Para loitar efectivamente contra elo, seguiremos impulsando unha Lei de Igualdade de Trato e non Discriminación, así como a Lei Galega de Visibilidade e para a non Discriminación das Persoas LGTB, que eliminen as discriminacións e as restricións que inxustamente aínda padecen as persoas seropositivas no ámbito laboral e no acceso a bens e servizos.

Finalmente, no Día Mundial da SIDA, as mulleres e os homes socialistas queremos lembrar a quen faleceu a causa desta enfermidade, reiteramos o noso compromiso coas persoas afectadas e alentamos e apoiamos a quen desde as organizacións sociais ou desde as súas tarefas profesionais traballa e adica a súa vida a dar unha resposta que reduza ou elimine o impacto desta epidemia e a garantir os dereitos humanos, o apoio e a atención ás persoas que viven co VIH.