9 de maio de 2022, día de Europa
Este ano 2022 conmemoramos o 9 de maio, día de Europa, co convencemento de que unha Unión Europea máis unida e reforzada emerxerá da guerra atroz en Ucraína. Desafortunadamente a invasión de Ucraína por parte do réxime do Kremlin trouxo de novo a guerra a Europa. Ante esta situación, a admirable unidade e tenacidade da sociedade española e europea ante este desafío seguirá sendo fundamental para afrontar esta nova crise e as súas consecuencias.
O Partido Socialista Obreiro Español, xunto á familia socialista a nivel europeo, condenou a ilegal e inxustificada guerra de Putin contra Ucraína, que pon en risco a estabilidade, a paz e a seguridade europea e mundial. Este conflito provocado polo goberno ruso enmárcase nunha estratexia que desde hai anos tenta desestabilizar a Europa, e que conta desafortunadamente con partidarios na Unión Europea. Estes movementos populistas topáronse co rexeitamento das e os demócratas, cunha Europa forte e unida, e cunha maioría da cidadanía que lles deu as costas.
A ameaza de movementos populistas, de extrema dereita, con partidos e gobernos cómplices en toda Europa é real. As súas organizacións buscan socavar o modelo europeo, atacando os seus principios e valores fundamentais, como a igualdade entre homes e mulleres, ao colectivo LGTBI ou a persoas migrantes. Ante esta ameaza, a resposta unánime das os demócratas a nivel europeo ha de ser incontestable.
Esta crise está a facernos avanzar na integración europea. A Unión é clave en dar resposta a esta crise, como o foi contra a pandemia, para forxar un futuro de paz, máis xusto, próspero e sostible, onde ninguén quede atrás. Cando só empezabamos a ver os resultados da saída da crise da COVID, esta situación embarcounos nunha nova recesión económica con efectos a curto, medio e longo prazo que temos que superar. A unidade e o liderado das e os socialistas e socialdemócratas foron clave nos últimos dous anos, impulsando unha estratexia de vacinación europea, acordando os fondos de Recuperación, os Next Generation EU, ou as medidas contra o impacto da guerra, que nos han de permitir saír das crises actuais de maneira moi diferente ás políticas de austeridade de 2011.
A unidade e a coherencia nas nosas políticas propiciou unha nova onda de apoio electoral á socialdemocracia e a forzas prol europeas e non populistas en toda Europa. E é que a cidadanía española e europea recoñeceron os nosos esforzos como a familia política que impulsou algúns dos logros máis importantes nas últimas décadas, poñendo á cidadanía no centro das prioridades políticas.
Por iso habemos de seguir traballando para garantir solucións e ofrecer un novo futuro á cidadanía, para superar esta guerra e as súas consecuencias, pero tamén a pandemia, a situación económica e social, o cambio climático, a desigualdade de xénero ou as agresións ao sistema democrático.
Neste Día de Europa de 2022, desde o PSOE revindicamos a paz e a democracia como valores fundamentais que son da Unión Europea. Facémolo sendo conscientes da transcendencia deste conflito bélico e das súas múltiples consecuencias, sexan humanitarias, económicas ou sociais, pero co convencemento da capacidade da nosa sociedade de superarse a si mesma #ante calquera crise ou adversidade. E, como nos peores momentos da pandemia, soamente cunha Unión Europea máis forte seremos capaces de facer fronte aos retos actuais. Para iso, desde o PSOE:
- Continuaremos defendendo todas as accións necesarias do Goberno de España e da Unión Europea co obxectivo de cesar a ilegal e irracional agresión militar de Putin contra Ucraína e devolver a paz. Soamente a retirada das tropas militares rusas e o recoñecemento de Ucraína e as súas institucións como estado independente e soberano restaurará o cumprimento do Dereito Internacional e da Carta das Nacións Unidas.
- Lembramos a urxencia en dispoñer de recursos necesarios e de axuda humanitaria a nivel europeo e nacional, e en cooperación con axencias humanitarias de Nacións Unidas, para dar resposta á crise humanitaria e ás persoas refuxiadas que foxen do conflito, sexa pola guerra de Putin, polo Mediterráneo ou por outros conflitos, con especial atención a mulleres, nenos e nenas, e aos colectivos máis vulnerables.
- Seguimos apostando pola autonomía estratéxica europea que nos ha de impulsar como actor global recuperando espazo político no taboleiro internacional e a ser máis resilientes. Na situación actual, e en vistas ao contexto xeopolítico post-bélico, a esta autonomía estratéxica, vinculada tradicionalmente á industria de defensa, háselle de engadir novas dimensións, como a enerxética ou a industria produtiva, para continuar defendendo un modelo multilateral a nivel internacional.
- Seguiremos traballando para acelerar a transición enerxética xusta, para ser máis sostibles e para reducir a nosa dependencia enerxética do exterior, evitando o aumento dos prezos da enerxía, que asfixia a familias e empresas, e incentivando o investimento en enerxías renovables. Habemos de ser capaces de consolidar a transición enerxética e a sustentabilidade do noso modelo económico e de consumo sen deixar a ninguén atrás.
- Estamos convencidos de que a transformación económica que estamos a impulsar, baseada no Pacto Verde Europeo e a dixitalización da nosa economía, é a única opción en loita contra o cambio climático. Esta transformación, xunto co impulso do Pilar Social Europeo, han de ser os motores de crecemento sostible e de progreso da Unión Europea, garantindo igualdade social e de xénero.
- Defenderemos unha Europa democrática, que respecte plenamente os seus valores e o Estado de Dereito. Por iso, debemos mellorar e reforzar os nosos sistemas democráticos, especialmente para facer fronte ás ameazas populistas. Ademais, apoiaremos a aprobación da directiva para loitar contra a violencia machista en toda a UE e continuaremos traballando pola igualdade real entre homes e mulleres a nivel europeo. Por último, celebramos as conclusións da Conferencia sobre o Futuro de Europa, que tras un ano de debate establecen a folla de roteiro que ha de servir para profundar na dimensión democrática e institucional da UE.
Neste día de Europa de 2022 o PSOE renova o seu compromiso europeísta que comparte coa maioría da sociedade española. Co horizonte da Presidencia Española da UE na segunda metade do 2023, comprometémonos a seguir liderando a construción colectiva da Unión Europea. Unha Unión que defenda a paz e a liberdade, onde a cidadanía estea no centro da súa axenda política, e que traballe por un futuro próspero e sostible, feminista e que garanta progreso e igualdade social para os seus cidadáns e cidadás.