Manifesto 8 de marzo, pola liberdade das mulleres
O Partido Socialista conmemora un ano máis o día Internacional das Mulleres nun contexto de retrocesos históricos en materia de dereitos e liberdades no noso país. Neste día, que sempre foi un momento de demandas e reivindicacións para os dereitos das mulleres en todo o mundo, alzamos a nosa voz para denunciar o grave retroceso que supón para os dereitos das mulleres e para a liberdade de toda a cidadanía o anteproxecto de contrarreforma da lei do aborto presentado o pasado mes de decembro polo Goberno do PP.
Un proxecto que pretende a derrogación da Lei de Saúde Sexual e Reprodutiva e de Interrupción Voluntaria do Embarazo aprobada polo Goberno socialista no ano 2010. Unha lei de Saúde Sexual que aborda de xeito integral o dereito á saúde sexual e reprodutiva, e cuxo obxectivo é a redución do número de embarazos non desexados e polo tanto a redución do número de interrupcións voluntarias do embarazo, a través da información, a educación e a prevención, en definitiva unha lei equilibrada, que garante os dereitos de autonomía e a liberdade das mulleres. Todo o contrario do que pretende o anteproxecto de lei do PP, porque con esta contrarreforma eliminan a prevención dos embarazos non desexados, o dereito a ter información e educación sexual nas escolas e derrogan os esforzos por establecer estratexias en saúde sexual e reprodutiva para toda a cidadanía.
Por todo iso, pedimos ao Goberno que renuncie a converter o anteproxecto de lei do aborto nun proxecto de lei, solicitando que o Goberno non dea nin un paso máis na tramitación dun texto que supón un enorme retroceso para a sociedade española. Pedimos a retirada inmediata dun texto que moitas mulleres e tamén moitos homes, tanto en España coma en Europa, senten como unha auténtica agresión á liberdade e á dignidade das mulleres, á dignidade dunha cidadanía que hai anos xa gañou a batalla de poder elixir.
Existe un sentimento internacional de que en España se está a producir non só un grave retroceso en dereitos sociais, senón tamén un grave retroceso en liberdades e dereitos civís, e é ese sentimento o que se mobiliza tanto nas nosas rúas como en moitas cidades e capitais europeas, porque a proposta do Goberno é unha proposta que non encaixa en Europa, é unha lexislación que acerna a liberdade das mulleres, que nos expulsa do ámbito da Unión Europea, e nos sitúa á cola de países democráticos no recoñecemento dos dereitos das mulleres.
Denunciamos un proxecto lexislativo que non só aumentará o número de abortos clandestinos senón que aumentará a mortalidade e a perda de saúde e vida das mulleres no noso país. Un proxecto que aumentará a desigualdade e que volverá a dividir as mulleres españolas entre as cales se poden permitir viaxar a un país veciño e acceder a un aborto seguro e as que non poidan e se vexa obrigadas a interromper o seu embarazo en condicións ilegais e clandestinas, no noso país.
En definitiva un anteproxecto de lei innecesario e inoportuno que non responde a ningunha demanda social senón aos intentos do goberno do PP por contentar a sectores minoritarios e ultraconservadores que tratan de impoñer os seus dogmas a toda a sociedade, e que non poden aceptar as cotas de liberdade, igualdade e presenza social que alcanzaron as mulleres no noso país, grazas en grande medida ás políticas dos gobernos socialistas, que fixeron da liberdade un patrimonio colectivo que debemos defender agora máis que nunca.
Tamén, un ano máis, debemos chamar a atención sobre a grave situación que vive a loita contra a violencia de xénero, porque un ano máis o Goberno popular reduciu os presupostos para combatela e segue deixándoa fóra das súas prioridades. Denunciamos que a redución do presuposto xa supera o 28% e que as reformas lexislativas como a do Código Penal ou a Reforma Local, baleirarán de contido á Lei Integral e deixará desprotexidas ás vítimas. En definitiva, estamos a asistir ao desmantelamento pola porta de atrás da Lei Integral contra a Violencia de Xénero.
A reforma laboral, a crise e as políticas do PP están a mandar ás mulleres de volta a casa, como o demostra o dato de que por primeira vez en máis de 30 anos a Taxa de Actividade feminina, que sempre crecera, está a descender. Estamos igual que o 8 de marzo pasado, peor se cabe, porque as mulleres deberían traballar 82 días máis ao ano que os homes para poder cobrar a mesma retribución anual, porque en España hai 2’8 millóns de paradas, teñen a maioría de contratos temporais e realizan o 80% do traballo non remunerado. Isto non é casual, a dereita necesita que as mulleres asuman os servizos que o Estado está a deixar de prestar coa súa política de recortes na educación, en sanidade e en dependencia, por iso mandan ás mulleres de volta ao fogar.
Nas próximas eleccións europeas xogámonos moito, e especialmente as mulleres que son as que máis sofren con maior vulnerabilidade as situacións de desprotección e os retrocesos sociais tanto en España coma en Europa. Nos xogamos a Europa do benestar, dos dereitos económicos e sociais, xogámonos a Europa das liberdades e da convivencia, xogámonos a Europa que se recoñece diversa e garante a liberdade e os dereitos de todas as persoas, das maiorías e as minorías, de mulleres e homes.
Este 8 de marzo o PSOE acompañará á sociedade e ás organizacións sociais e feministas nas mobilizacións en defensa dos dereitos e a liberdade das mulleres que se celebrarán en toda España. Ademais, facemos un chamamento aos homes e mulleres deste país, ás institucións e ás organizacións para que se sumen a esta conmemoración do Día Internacional das Mulleres.