A Violencia de xénero, lonxe de estar no camiño de resolverse, parece que está a vivir un dos seus peores momentos e o sabemos porque se está a silenciar. Estanse a silenciar os datos, as condenas públicas e as campañas de sensibilización.
A crise aféctanos a todos e a todas, pero aos que están en situación de vulnerabilidade moito máis, as mulleres que se encontran en situación de maltrato téñeno máis difícil para romper con ela, para saír da espiral da violencia machista necesitan axuda, seguridade de que van poder refacer as súas vidas e a crise lles supón un muro que na maioría dos casos se fai infranqueable. E aí está ou debería estar, o Goberno para romper ese muro, e non o está a facer. Isto sabémolo porque hai menos chamadas de auxilio, hai menos denuncias e están a aumentar o número de mulleres que retiran as denuncias. A violencia está a quedar de novo na casa, de portas para dentro.
O Ministerio cala, repite de forma anódina os seus comunicados de prensa cada vez que unha muller é asasinada, meros curta e pega de anteriores notas. Ese é o traballo do Goberno que debería estar a protexer as mulleres, o resto do seu labor resúmese en retrocesos e recortes.
O recorte presupostario que sufriu a Lei Integral Contra a Violencia de Xénero nestes anos de Goberno do PP foi sangrante, xa supera o 28%. O que supón menos atención, menos sensibilización, menos prevención e máis mulleres que non poden saír da espiral de violencia. Para máis provocación anuncian unha Estratexia Nacional contra a violencia de xénero que din está dotada con 1.500 millóns de presuposto que demostra que este anuncio é pura propaganda xa que non se reflicte nos PGE.
Nestes dous anos de goberno do PP encontrámonos con auténticas barbaridades, como o desmantelamento de moitos centros de atención a vítimas, non vimos máis que unha soa campaña de sensibilización en dous anos, unha campaña cuxa distribución non correspondeu a criterios de sensibilización cara ás mulleres, nin aos intereses da loita contra a violencia de xénero, posto que a súa difusión non se realizou tendo en conta a cobertura mediática.
A loita contra a violencia de xénero ten carácter integral hai outras leis que a afectan directamente e se cambian esas leis provocan tamén pasos atrás, como así pasou coa nova lei educativa e a desaparición da materia de Educación para a Cidadanía, clave na prevención da violencia.
E no mundo rural estes recortes fanse máis visibles e aínda se farán moito máis cando a Reforma da Administración Local se faga efectiva. Porque con esta reforma do PP rematará con moitos servizos municipais e en concreto cos relacionados coa promoción e protección da muller, desaparecerán os programas de atención ás mulleres, os puntos de información, os pisos de acollida para mulleres maltratadas, ou os programas de recuperación para vítimas de violencia de xénero E as mulleres que viven afastadas das grandes cidades, que farán? É un verdadeiro ataque contra elas, contra todas as mulleres.
Por estas razóns, polas mulleres que son vítimas da violencia de xénero, pola dignidade da nosa sociedade, esiximos neste Día Internacional de Loita Contra a Violencia de Xénero, que o Goberno reactive e esperte á Lei Integral Contra a Violencia de Xénero, cun presuposto apropiado e suficiente, que volva coordinar ás distintas administracións, que anule a reforma local e volva educar en igualdade. En definitiva, esiximos que o Goberno loite de verdade contra a violencia de xénero, que se implique con todas as súas consecuencias e traballe con e polas mulleres.