Hoxe celébrase o día mundial da auga, polo que en Lugo debemos celebralo xa que dende hai unhas semanas xa se pode beber a auga do grifo, ademais de que, a que non se usa, devólvese ao Río Miño nas mellores condicións.
O 22 de marzo é o Día Mundial da Auga, unha data establecida pola
Asemblea Xeral de Nacións Unidas no ano 1993 para lembrar a importancia
deste insubstituíble elemento e a necesidade dunha maior concienciación
no seu uso e protección. En 2011 o lema escollido é: Auga para as cidades,
respondendo ao desafío urbano.
O 29 de xullo do pasado ano a Asemblea Xeral de Nacións Unidas aprobou recoñecer á
cidadanía o dereito a auga potable, limpa e de calidade, e, as instalacións sanitarias
algo indispensable para gozar plenamente do dereito á vida.
É preciso lembrar que no mundo máis de 1.100 millóns de personas carecen de
abastecimento de auga en boas condicións, que máis de 2.600 millóns de personas
conviven con problemas de saneamento e que 1.600 millóns de nenos e nenas
menores de 5 anos falecen cada ano por esta circunstancia.
Xusto na mesma xornada, dentro de dous meses, o vindeiro 22 de maio a cidadanía
galega elixirá as personas que gobernarán os concellos durante os vindeiros catro
anos. Cidadanía e concellos serán a clave da nova cultura da auga baseada no aforro,
no consumo responsable e na eficiencia, indispensables para implantar un modelo
sostible na xestión integral do ciclo da auga.
Dende o PSdeG-PSOE queremos aportar á declaración deste Día Mundial da
Auga que vincula a acción local cos obxectivos globais, algunha das nosas
propostas para a política municipal:
Os modelos de xestión das infraestruturas e equipamentos do ciclo da auga
deben axustarse á condición irrenunciable de que a auga é un ben público.
O aforro no consumo da auga é a mellor alternativa para garantir a capacidade
de subministro.
Non poderá falarse dun prezo axustado para a cidadanía namentres non se
acaden os umbrais de: eficiencia razoable na xestión, e, homoxéneos entre as
administracións responsables.
A reutilización da auga nas sucesivas etapas do ciclo contribúe a facer máis
sostible o modelo de xestión, reducindo os consumos enerxéticos e os
tratamentos de depuración. Investir en circuítos de aproveitamento de augas
grises pode xerar notables aforros no gasto corrente.
A I+D+i aplicada á xestión da auga servirá para avaliar a eficacia das políticas
municipais e o bo facer das personas responsables.
Queremos aproveitar esta celebración para reívindicar do Goberno de Galicia a
derogación da Lei de Augas, aprobada o pasado ano en solitario polo Partido Popular,
xa que, foi incapaz de acordar nin cos grupos políticos nin cos concellos unha
verdadeira Lei da Auga que promova o cumprimento da Directiva Marco da Auga.
Lamentamos o despilfarro de recursos públicos adicados á publicidade dunha Lei que
non conten obxectivos medio ambientais de mellora da calidade das nosas augas, que
fixa unha política de fiscalidade da auga en Galicia non consensuada coas personas
usuarias da auga, que incrementa o prezo un promedio do 140%, e que, por vez
primeira obriga as personas usuarias de pozos e traídas veciñais a pagar pola auga sen
recibir ningunha prestación a cambio.
A pesares das múltiples promesas públicas e parlamentarias dos membros do goberno
de Galicia de que as personas usuarias de pozos e traídas veciñais e os usos agrarios,
gandeiros e forestais non van pagar pola auga, a súa propia Lei di o contrario.
Namentres non sexa derogada poderán aplicar o canón da auga e o coeficiente de
vertido a todas as personas usuarias da auga en Galicia, independentemente de
cal sexa o seu método de abastecemento, aínda que as personas propietarias de
pozos e traídas veciñais terán que seguir mantendo pola súa conta estes sistemas de
abastecemento, que nunca lle garantiron dende a Administración Pública.
Apelamos á intelixencia cidadá para que non se deixen enganar por quen só están
esperando a que pasen as vindeiras eleccións municipais, para daquela aplicar unha
Lei que aprobaron en solitario, da que agora parecen renegar e que poderían derogar
se quixeran, contarían para elo co noso apoio. E, comprometemos o noso traballo
diario para que esta inxustiza non se cometa e teñamos en Galicia unha auténtica Lei
de Augas que garanta este ben público.