“O que entende de entregar os servizos públicos a empresas privadas e de desmantelamento é o PP”, asegurou o edil, quen convidou aos populares a reclamar ante os seus gobernos amigos o que “por xustiza” lle corresponde a Lugo
O Concelleiro de Educación e Infraestruturas Urbanas, Manuel Núñez, pediulle este mércores ao Grupo Municipal do Partido Popular que “quite a careta de socialdemócrata e de defensor do público, pois pide en Lugo o que veta en Madrid”. Así respondeu o edil ás declaracións realizadas polo vicevoceiro do PP, Antonio Ameijide, nas que aseguraba a intención do Goberno de privatizar o ciclo da auga. “O que entende de entregar os servizos públicos a empresas privadas e de desmantelamento é o Partido Popular, que destruíu a creación de empregos de calidade, e arruinou a asistencia sanitaria pública, univesal e gratuíta e a educación pública e de calidade”, asegurou o edil, quen se mostrou perplexo pola actitude adoptada polo PP, “que denuncia no Concello o que non practica na Xunta nin no Goberno Central”.
Núñez, que lle pediu ao PP coherencia, insistiu en que “este equipo de Goberno xa manifestou a súa aposta por un modelo de xestión directa do ciclo integral da auga, ben a través dun contrato de servizo ou con persoal municipal”. Neste senso, o Concelleiro considerou que levalo a cabo con persoal municipal propio sería practicamente imposible, “un claro efecto da súa política de recortes e da normativa estatal aprobada polo PP que impide ás administracións locais contratar persoal”.
O edil convidou ao PP a traballar con máis empeño na defensa dos seus veciños e veciñas, ben realizando propostas positivas para a cidade ou reclamando ante os seus gobernos amigos da Xunta ou do Goberno Central, o que “por xustiza” lle corresponde á cidade, como a implantación dos servizos pendentes no HULA e no barrio da Residencia, a finalización do Plan Paradai, a rehabiliación da Tinería, a construción da Ronda Leste ou o Museo da Romanización.