“A competencia en organización e xestión de comedores é, por Lei, da Xunta de Galicia. O Concello non ten, nin xestiona comedores escolares municipais. O que ofrece é un servizo de apoio”, subliña o Concelleiro

“Son consciente de que Portomeñe se apunta con facilidade aos fogos de artificio, pero coido que ten que aclararse. Non pode solicitar ao mesmo tempo a miña comparecencia no Pleno e a miña dimisión”. O Concelleiro de Educación e Infraestruturas Urbanas, Manuel Núñez, respondeu así ás declaracións que realizou esta mañá o edil de ACE sobre os comedores escolares.

Manuel Núñez reiterou que a competencia en materia de organización e xestión de comedores e cátering nos colexios públicos “corresponde, por Lei, á Xunta de Galicia, a través da Consellería de Educación. Polo tanto, o Concello de Lugo non ten, nin xestiona comedores escolares municipais”. “Acaso non o entende o edil de ACE?”, asegurou Núñez.

Servizo de apoio
“O Concello o que fai é prestar un servizo de axuda e colaboración a través dun programa para favorecer a conciliación da vida laboral e familiar denominado Unha Escola Aberta, que oferta actividades extraescolares e apoio aos comedores, tal e como figura no prego que foi subscrito na mesa de contratación coa empresa A Billarda, unha información á que teñen acceso todos os grupos políticos con representación na Corporación municipal”. Con este programa, o Concello respondeu a unha necesidade das asociacións de pais e nais de alumnos, “ante o deixamento de responsabilidades da Xunta de Galicia”, explicou o Concelleiro de Educación.

Núñez asegurou neste senso que o programa Unha Escola Aberta do Concello “réxese pola Lei 3/2011 de 30 de xuño de Apoio á Familia e á Convivencia de Galicia, que no seu artigo 29, punto 3, establece que a Xunta de Galicia “promoverá no ámbito educativo actuacións conducentes a facilitar a conciliación da vida persoal, familiar e laboral con actividades como: a mellora dos servizos fóra do ámbito lectivo mediante a apertura de centros durante os días laborables non lectivos e vacacións escolares, así como mediante a ampliación do horario de apertura dos centros durante os días lectivos establecidos polo calendario escolar, para atender ao alumnado menor de 12 anos, en colaboración, no seu caso, coas asociacións de pais e nais e os municipios, nos centros educativos públicos”. “Esto é exactamente o que oferta o Concello de Lugo”, afirmou Manuel Núñez.

Por outra banda, o Concelleiro destacou que a información que ofreceu na Comisión de Educación previa ao Pleno ordinario do pasado xoves “foron os prezos sobre o custe do cátering que se poden ver en calquera cartel ou tríptico que existe nos colexios para a información das familias. En ningún momento se dixo que o Concello xestiona e cobra o cátering, porque non o fai”.

Control do contrato
En canto ás memorias anuais ás que aludiu o edil de ACE, é incerto que o Concello llas esixa á adxudicataria, pois trátase “dunhas memorias que se entregan a cada un dos colexios e ao Concello no mes de xuño porque nelas se plasman todas actividades e servizos que se realizan nun centro, independentemente de quen os organice ou preste, para que sexan aprobadas no Consello Escolar de cada centro e posteriormente remitidas á xefatura territorial de Educación”, asegurou Manuel Núñez.

Para que Portomeñe “coñeza os mecanismos de funcionamento da Administración”, o Concelleiro de Educación explicoulle que “a maneira que ten o Concello de controlar os contratos é a través dun funcionario responsable de contrato que solicita os informes e documentación que considera oportunos no momento no que considera oportuno”.

Así mesmo, Núñez aclarou que cando se incorpora como responsable municipal de Educación e mesmo como director “xa existía cátering e o programa Unha Escola Aberta”, engadindo que “ningún director” dos centros nos que funciona esta actividade “xestiona nada referente ao comedor escolar”.

“Descoñecemos en base a que argumentos Portomeñe sospeita que o Concello se pretende desentender de algo que non ten”, subliñou o Concelleiro, ao tempo que manifestou “o compromiso” municipal, “na medida das súas posibilidades, coa conciliación da vida familiar e laboral nos centros educativos”.