O Concelleiro de Infraestuturas Urbanas lembra que as actuacións acometidas nestas rúa, que abriu hoxe ao tráfico, responden exactamente ao proxecto aprobado en Pleno cos votos a favor dos populares

“Despois dos anos que leva na oposición, o PP aínda non distingue entre terreos públicos, onde o Concello pode actuar, e privados, onde non ten potestade”, di Núñez en referencia ao aparcadoiro de terra situado nas inmediacións da vía

O Goberno local convida ao Grupo Municipal do Partido Popular a abandonar o labirinto de contradiccións do que eles mesmos se fixeron prisioneiros coa súa rutina de críticas demagogas a todas as iniciativas de interese municipal. Así o manifestou o Concelleiro de Educación e Infraestruturas Urbanas, Manuel Núñez, logo de que o Partido Popular cuestionara primeiro o proxecto que o Concello de Lugo presentou ás axudas europeas de Desenvolvemento Urbano Sostible Integrado (DUSI) antes de sequera coñecelo, e agora as obras realizadas na rúa Noriega Varela, que abriu hoxe ao tráfico despois de melloras por valor de 102.000 euros.

“É incrible que o PP non sexa consciente dos acordos aos que chega e cuestione a obra de Noriega Varela que foi aprobado en Pleno cos seus votos a favor”, asegurou o edil, quen fixo fincapé en que as obras acometidas responden exactamente a dito proxecto: a reposición do firme e a mellora das beirarrúas, chegando incluso a instalarse bolardos como os que se puxeron diante do aparcadoiro privado, para dar seguridade aos peóns.

“Déixame perplexo que o Partido Popular, despois dos anos que leva na oposición, non distinga entre terreos públicos, onde o Concello pode actuar, e privados, no que non ten ningunha potestade”, asegurou Núñez facendo referencia ao aparcadoiro de terra que se sitúa nas inmediacións da vía, que é un terreo privado. Non en van, dende o Concello mantivéronse reunións con veciños para chegar a acordos que permitiran ampliar rúas e estreitamentos, sen acadar solucións que non supuxeran a expropiación, que ten un custe para o Concello, tal e como deu a coñecer o edil.

Deste xeito, o Goberno instou ao Partido Popular “a desistir da estratexia de tratar de tapar con fume a súa falta de propostas en positivo para a cidade e o seu silencio vergoñento ante o continuo castigo e discriminación que a Xunta e o Goberno central lle dan a Lugo en dotacións e infraestruturas transcendentais, como os servizos sanitarios pendentes no HULA, a Residencia, a intermodal e o AVE, entre outras moitas”.