“A nosa cidade a día de hoxe segue sen alta velocidade, sen partida orzamentaria para a estación intermodal e abocada a seguir sen uns servizos ferroviarios dignos”, subliñou Fernández
Diante das declaracións realizadas polo Presidente da Xunta en relación á chegada da alta velocidade a Lugo, o Voceiro municipal, Miguel Fernández, lembrou que “o señor Feijóo garantira no ano 2009, en plena campaña electoral, que se o Ministerio de Fomento non remataba o AVE á nosa cidade, o faría el dende a Xunta de Galicia”.
“Seis anos despois comprobamos como tales promesas caeron en saco roto e foron incumpridas”, segundo destacou Fernández, quen denunciou que “Feijóo faltou de novo á súa palabra, incumprindo o compromiso que tiña con todos os lucenses”.
O Voceiro municipal lamentou que “Lugo a día de hoxe segue sen AVE, sen partida orzamentaria para a creación dunha estación intermodal, que o resto de capitais galegas si teñen, e abocada a seguir sen un servizos ferroviarios dignos e acordes coas necesidades do século XXI, que nos permitan comunicarnos co resto de Galicia e coa meseta”.
Neste senso, Fernández esixiu ao Presidente da Xunta que “máis aló de xenéricas declaracións que a nada contribúen, se poña a traballar para que Lugo conte, dunha vez por todas, con estes servizos tan necesarios e tan demandados polos veciños e veciñas”.
“Solicitamos a Feijóo, nin máis nin menos, o mesmo trato que reciben o resto de capitais de Galicia, porque os lucenses non somos, nin merecemos ser tratados como cidadáns de segunda”, tal e como destacou Miguel Fernández.