O Concello está disposto a colaborar coa Xunta en todo o que supoña melloras para a cidadanía, pero partindo da necesaria negociación que garanta a equidade na aportación de ambas as dúas administracións

O Voceiro municipal lamentou que Jaime Castiñeira estea máis predisposto en defender os intereses da Xunta en lugar de defender os intereses dos veciños de Lugo aos que representa

O Voceiro municipal, Miguel Fernández considerou este martes que o convenio enviado pola Xunta de Galicia ao Concello para suprimir o tapón urbanístico na rúa Fisterra, “é un regalo envelenado do PP cos e cas luguesas”. Así de contundente foi o edil ante as declaracións do voceiro do Grupo Municipal Popular sobre dito convenio, cuxo obxecto, por certo, é a expropiación dunha parcela, a construción dun muro de contención e a construción dunha beirarrúa neste espazo para mellorar o tránsito peonil. Os técnicos municipais fixeron unha valoración do mesmo, resultando que o aportado pola Xunta de Galicia, duns 80.000 euros, representaba unha mínima parte do custe total.

Ademais, a aceptación dese convenio incluía a entrega da estrada de titularidade autonómica, no seu treito urbano, ao Concello, e isto non afectaba só á rúa Fisterra, senón que inclúe tamén a rúa Monte Faro. “A obriga da Xunta é entregarlle a outra administración as vías en perfecto estado, e neste caso na rúa Monte Faro as canalizacións aínda son de fibrocemento, polo que son unhas tubaxes cun período de caducidade cortoplacista, polo que estamos a falar dunha importante cantidade de diñeiro”, subliñou Fernández, quen tamén aproveitou para subliñar que a Xunta “lévase desentendendo historicamente da rúa Fisterra, polo que o Concello xa leva feito varias reparacións do firme nos últimos dous anos, por responsabilidade cos veciños e ante a total desatención da Xunta”.

“Mentres que noutras cidades entregan as vías correctamente e na nosa cidade non o fan”, avanzou Fernández, quen quixo deixar claro que esta non é a única actuación da Xunta, senón que se suma a outras como a do equipamento do novo auditorio, a conversión do cuartel de San Fernando en Museo da Romanización, ou o Plan Paradai, entre outras, están a consolidar o maltrato sistemático da Xunta con Lugo.

“O Concello está disposto a colaborar coa Xunta en todo o que supoña melloras para a cidadanía, pero partindo da necesaria negociación que garanta a equidade na aportación de ambas as dúas administracións”, aseverou o edil, quen tamén lamentou que Jaime Castiñeira estea máis predisposto en defender os intereses da Xunta en lugar de defender os intereses dos veciños de Lugo aos que representan.

Ademais, Miguel Fernández, en relación ás declaracións do Grupo Municipal do Partido Popular sobre os 5 meses que leva agardando pola conformidade para continuar con obras de conservación na Muralla, o edil subliñou que “cinco meses non son nada comparado cos retrasos de anos que acumula a Xunta de Galicia con compromisos adquiridos cos e cas luguesas, como por exemplo, o Plan Paradai, 18 anos, 13 anos de espera polo novo auditorio, 6 anos de espera en infraestruturas como o AVE e a Intermodal, a pesar de haber compromisos, máis de 6 anos por servizos hospitalarios para o HULA e a Ronda Leste, xa se perdeu a conta. “Esperar é o que levamos esperando os lucenses a que o PP cumpra cos veciños e veciñas de Lugo”, concluíu o Voceiro municipal.