O concelleiro socialista lamenta que o Sergas disfrace o recorte anunciando unha nova unidade de atención dos procesos crónicos co ánimo de confundir á veciñanza.

O concelleiro e deputado socialista Miguel Fernández lamentou hoxe que a Consellería de Sanidade decidira reducir as prestacións coas que manterá aberto o centro de saúde de Nadela que, finalmente, só disporá de facultativo tres días á semana cando antes da xubilación do titular da praza, no mes de abril, o consultorio tiña médico de luns a venres.

Fernández reprocha que o SERGAS “disfrace este recorte anunciando unha nova unidade de atención protocolizada dos procesos crónicos, tratando de confundir á veciñanza nun intento de xustificar a merma paulatina do equipamento sanitario, que foi minguando a tal velocidade que durante o verán xa non prestou ningún tipo de servizo e agora se limitará a atender ás e aos pacientes en días alternos, obrigando á poboación que ten o seu cupo nestas instalacións a desprazarse a outros centros do municipio para ser atendido no resto das xornadas”.

Para Miguel Fernández “a sucesión de peches de centros de primaria, especialmente no rural, que afectan a todas as provincias son un indicador da errática xestión que fai a Xunta dos recursos existentes e que mantén numerosas prazas de facultativos de diferentes especialidades sen cubrir, mermando a calidade dun servizo tan esencial como é o da saúde. Polo que esiximos ao Executivo galego que restableza o servizo no centro médico de Nadela nas mesmas condicións que tiña a principos de ano”, instou o concelleiro.