O Voceiro municipal mostrou a súa sorpresa ante a aptitude de Raquel Arias, pola que se deduce que non teñen interese en levar a cabo este proxecto tan necesario para a cidade

O Voceiro municipal, Miguel Fernández, mostrouse sorprendido ante as declaracións realizadas pola delegada da Xunta en Lugo, sobre a posta a disposición dos terreos para a construción do novo colexio do Sagrado Corazón.

Neste senso, Fernández lamentou que “con estas declaracións Raquel Arias mostra unha importante falta de lealdade institucional co Concello de Lugo, ademais de poñer en evidencia a nula vontade política da Xunta, que non ten ningún interese por levar a cabo este proxecto tan necesario para a cidade e moi demando polos veciños e veciñas”.

O Voceiro municipal mostrouse aínda máis estrañado, “por tratarse dunhas declaracións que, ademais, se producen o mesmo día que a Xunta de Goberno do Concello de Lugo vén de aprobar inicialmente o estudo de detalle solicitado pola Consellería de Educación, para a ordenación de volumes no CEIP das Mercedes”.

Para Miguel Fernández isto mostra como “o Goberno municipal actuou con toda a celeridade posible, ante un asunto tan relevante para a cidade, mentres que a Xunta en lugar de proceder á execución inmediata para construír o novo colexio do Sagrado Corazón, unha vez que o Concello lle puxo a disposición os terreos, aposta pola vía máis dificultosa e lenta urbanisticamente, obviando as súas responsabilidades e tentando de xustificar a súa falta de vontade, botándolle a culpa a outras administracións”.

Deste xeito, o executivo galego volve a tratar aos veciños e veciñas de Lugo como cidadáns de segunda, desprezándoos e negándolles unha infraestrutura que é tan necesaria para a cidade.