O voceiro ratificou que o Concello completou a adquisición dos 10.000 metros cadrados necesarios para que a Xunta constrúa neles un novo colexio público no barrio do Sagrado Corazón
“O PP está cabreado porque onte lle saíu mal o Pleno e por iso sae hoxe con esta absurda rabecha de neno pequeno”. Así respondeu o voceiro do Goberno, Miguel Fernández, ás declaracións realizadas polos populares sobre o proxecto de construción dun novo colexio público no Sagrado Corazón.
Fernández ratificou que a Administración local “xa completou a adquisición dos 10.000 metros cadrados necesarios para que a Xunta de Galicia constrúa neles un novo centro de educación infantil e primaria no barrio do Sagrado Corazón”.
Os últimos pasos que deu o Goberno –constatados documentalmente e dados a coñecer aos medios de comunicación- neste procedemento para adquirir os 10.000 metros cadrados foron os seguintes:
– Día 18 de xaneiro. A Alcaldesa asinou cos propietarios 6 convenios urbanísticos para a cesión doutras tantas parcelas, que suman 7.100 metros cadrados, quedando pendente a sinatura final da cesión doutro convenio.
– Día 20 de xaneiro. A Xunta de Goberno aprobou a expropiación acordada de 1.269 metros de terreo.
– Día 27 de xaneiro. A rexedora asinou o convenio pendente –o sétimo- para a cesión dos 1.660 metros restantes.
“Se o PP sabe sumar, de aquí sae o total de superficie necesaria para a construción do colexio Sagrado Corazón”, subliñou o voceiro municipal, que instou aos populares “a non buscar escusas para que Lugo sexa discriminado de novo pola Xunta e non reciba unha dotación tan necesaria, reclamada ademais dende hai anos polos veciños e veciñas da cidade”.
O Partido Popular “deberá pedir desculpas públicas aos cidadáns polas súas falsidades e polo seu pobre traballo na oposición”, engadiu o Concelleiro. “Xa dixo que iamos perder o financiamento da iluminación de Recatelo, e as obras están adxudicadas, sementou irresponsablemente dúbidas sobre o procedemento de aprobación do cambio das ordenanzas fiscais, sobre a candidatura ao DUSI, sobre a comisión de traballo para a municipalización da ORA, sobre a execución de melloras en rúas da cidade, sobre o PXOM, sobre a execución dos fondos europeos do Plan Urban ou sobre o contrato de transporte urbano de viaxeiros”. “Todas infundadas e falsas”. “Ao que se dedica o PP é a facer un vergonzante corta e pega de críticas e propostas de anos anteriores, sen corroborar se a situación das mesmas cambiou ou non”, afirmou Miguel Fernández.