O Pleno Ordinario deste xoves aprobou, cos votos en contra do PP, unha proposición socialista para instar ao Goberno de España a restablecer a universalidade da cobertura sanitaria

O Pleno Ordinario deste xoves aprobou unha proposición do grupo municipal socialista para instar ao Goberno de España a derrogar o Real Decreto Lei 16/2012, e restablecer a universalidade da cobertura do Sistema Nacional de Saúde, así como para reformar a lexislación sanitaria co obxectivo de asegurar a sustentabilidade dun sistema sanitario público, universal, de calidade, gratuíto e con equidade no acceso por parte dos cidadáns. Do mesmo xeito, nesta proposición esíxelle á Xunta a levar estes compromisos ao Consello Interterritorial de Sanidade e a prestar unha asistencia sanitaria universal e pública, eliminando os criterios de prestación de servizos por razóns económicas.

A proposición socialista saíu adiante cos votos favorables de todos os grupos agás o do Partido Popular, “que non quere que a sanidade chegue a todos os cidadáns”, segundo indicou o voceiro municipal, Miguel Fernández, quen lembrou que foi o PP o que vinculou o dereito á asistencia sanitaria pública e gratuíta coa Seguridade Social, deixando sen cobertura directa a todos aqueles que non teñan ningún vínculo coa Seguridade Social, expulsando desta cobertura aos estranxeiros e recortando os dereitos sanitarios dos cidadáns ao modificar a cobertura para os que esgotasen as prestacións do sistema de protección por desemprego.

Fernández tamén denunciou que o PP na Xunta vincula á saúde unicamente a rendibilidade económica, obedecendo a criterios economicistas a implantación de diferentes servizos. Neste senso, o edil enumerou algún dos recortes no ámbito sanitario, a reducción do persoal e o peche de camas hospitalarias que acometeu o Goberno de Feijóo nos últimos anos, “provocando unha privatización encuberta do sistema”. “A sanidade ten un custe, pero non ten un prezo”, subliñou.