“As circunstancias cambiaron dende que o Goberno suspendeu en xullo o servizo, en cumprimento dunha sentenza xudicial, e marcou 8 meses para restablecelo, dado que posteriormente se aprobou estudar a municipalización”

O Executivo, xa que o proceso de municipalización é longo e complexo, propuxo restablecer mentres tanto o servizo co modelo de xestión indirecta para garantir a necesaria rotación e mobilidade do tráfico. A oposición negouse”

“Por moitas veces que repita unha mentira, o PP non fará que se converta en realidade”. Así respondeu o voceiro municipal, Miguel Fernández, ás declaracións dos populares sobre a implantación dun novo sistema ORA na cidade. O Concelleiro subliñou que o PP “parte dunha falacia” á hora de fixar os prazos, pois as circunstancias cambiaron dende que o Goberno, en xullo do pasado ano, suspendeu o servizo, en cumprimento dunha sentenza xudicial, e marcou 8 meses para restablecelo. “Este prazo fixouse antes de que o Partido Popular boicotease todo intento do Executivo de modernizar o servizo e de que en outubro se aprobase en Pleno a creación dunha comisión para estudar a municipalización”.

“O prazo de 8 meses marcouse coa premisa de facer unha nova ordenanza e unha nova adxudicación. O escenario a día de hoxe é outro, coa posta en marcha da comisión de municipalización, aprobada polo Pleno. Polo tanto, o PP debe deixar de tratar de enganar á cidadanía”, argumentou Fernández, quen, de feito, lembrou que o Goberno, dado que o proceso de municipalización é longo e complexo, propuxo que se restablecese mentres tanto o servizo co modelo de xestión indirecta para garantir a necesaria rotación e mobilidade do tráfico dunha maneira eficaz e adaptada á realidade da cidade, dando ao mesmo tempo cobertura legal aos traballadores, mentres non se lle deran outras alternativas. A oposición rexeitou esta alternativa do Goberno.

A día de hoxe, tras a reunión da comisión de municipalización de xaneiro, os técnicos de distintas áreas (económica, urbanística, enxeñería…) están a elaborar o preceptivos informes e estudos sobre a viabilidade das propostas que foron expostas na devandita xuntanza, traballos que teñen que compatibilizar coa súa labor ordinaria. Abríronse tres liñas de traballo: o estudo das zonas da cidade nas que é necesario regular o estacionamento (entorno de edificios administrativos, zonas comerciais e puntos conflictivos de tráfico), a busca de aparcamentos disuasorios (entorno da estación de tren, Garabolos e o Carmen, entre outras…) e a definición dos tempos de rotación.

“O Goberno segue a traballar para que no prazo máis curto posible, Lugo dispoña dun sistema áxil e moderno que permita a necesaria rotación e mobilidade do tráfico”, subliñou o voceiro.