“Promete de novo aos veciños esta dotación o mesmo día que soubemos que o Goberno non lle destina nin un só euro, nada, nos Orzamentos do Estado”
O voceiro municipal do PSdeG, Miguel Fernández, denunciou este xoves que o Partido Popular “redobra os seus insultos á intelixencia dos lucenses” porque “o mesmo día que coñecemos que o Goberno de Madrid non destina nin un só euro á Comisaría da Residencia, nin un só euro, nada, o PP, co subdelegado do Goberno e a concelleira e deputada autonómica Encarna Amigo á cabeza, volven a prometerlle aos veciños e veciñas do barrio, por enésima vez, que no Vello Xeral se habilitará unha Comisaría, ademais doutras dotacións que levan igualmente prometendo hai anos e anos e para as que nunca deron ningún paso”. “Só promesas, dilacións, enganos e fume, cortinas de fume para tapar outros incumprimentos, como a hemodinámica 24 horas, o centro de saúde da Milagrosa ou a residencia da terceira idade, entre outros”, subliñou Fernández.
“A onde chegará a desfachatez do Partido Popular? Teñen algún límite as súas mentiras?”, se pregunta o voceiro socialista, que esixiu aos populares que deixen de insultar e discriminar aos veciños e veciñas de Lugo. “Aos responsables públicos hai que esixirlles e esixímoslles máis seriedade e máis responsabilidade”, afirmou.