“Non lle interesan para nada os lucenses, nin Lugo, e moito menos os desempregados. Só lles interesa contaminar e facerlle dano á nosa cidade con fins partidistas e electoralistas”
“Que fai a Xunta e Castiñeira en Santiago para darlle resposta aos máis de 8.000 parados de Lugo? Nada, e iso que o Goberno galego ten as competencias. Veñen de peregrinaxe, pero sen propostas, nin solucións”
O voceiro municipal, Miguel Fernández, cualificou de “gravísimo” e “dunha irresponsabilidade, e falta de seriedade e rigor indignas de alguén que representa aos lucenses” que o Partido Popular lance “mentiras e infamias sen base algunha” sobre a xestión do Plan de Emprego de 1,1 millóns de euros que o Concello poñerá en marcha para, aínda sen ter as competencias, atallar o problema do desemprego na cidade.
“Primeiro votaron en contra do Plan de Emprego coa súa oposición en Pleno aos Orzamentos e agora, sen nin sequera coñecelo, e con razoamentos tan banais como podería ser ou ao parecer, o PP e Jaime Castiñeira xa o critican e difunden falsidades sen poñerse colorados”, subliñou o voceiro do Goberno. “Dentro da súa estratexia sistemática, volven a querer xerar medo ante as grandes expectativas que se están creando entre moitas persoas que necesitan esta iniciativa para encontrar un emprego”, engadiu.
Como informou dende o primeiro momento o Goberno, no Plan de Emprego “casaremos oferta e demanda, tendo en conta ao tecido empresarial, traballando da súa man”, afirmou o concelleiro.
Coa súa actitude, asegurou Fernández, o Partido Popular demostra unha vez máis que “non lle interesan para nada os lucenses, nin Lugo, e moito menos os desempregados. Só lles interesa contaminar e facerlle dano á nosa cidade con fins partidistas e electoralistas”.
“Feijóo deixa 150.000 desempregados máis en Galicia e Rajoy, 1,5 millóns. Esa é a gran xestión e balance do Partido Popular en materia de emprego”, asegurou Fernández. “E que están facendo a Xunta e Castiñeira en Santiago para darlle resposta aos máis de 8.000 parados de Lugo? Nada, e iso que o Goberno galego ten as competencias”, recalcou o voceiro, quen lamentou que os representantes da Xunta “estean vindo de peregrinaxe todos os días, pero sen propostas, nin solucións para os problemas de Lugo, e sen cumprir as débedas históricas que arrastran dende hai anos”. “Ante a inacción da Xunta, nós, dende o Goberno de Lugo, damos respostas a un problema tan grave como o desemprego”, sinalou.