“Seguimos á espera de que o Partido Popular se poña a traballar con rigor e lealdade institucional nas grandes cuestións pendentes en Lugo, cando ademais moitas delas dependen en exclusiva da Xunta”
“Jaime Castiñeira e o Partido Popular deberían ver menos películas, deixar de inventarse conspiracións e centrase en traballar máis e con maior empeño na defensa de todos os veciños e veciñas de Lugo”. Así respondeu o voceiro do Goberno, Miguel Fernández, ás declaracións realizadas polo portavoz do grupo municipal do PP nas que aseguraba que o proceso de elaboración dos orzamentos do Concello está dirixidos dende outras instancias. “Seguimos á espera de que o PP deixe de elucubrar e poñer trabas, instalado nun permanente discurso de canto peor mellor, e por primeira vez se poña a traballar con rigor e lealdade institucional nas grandes cuestións pendentes en Lugo, cando ademais dáse a casualidade de que moitas delas dependen en exclusiva do seu goberno amigo da Xunta de Galicia. Queremos ver a Castiñeira defendendo a implantación dos servizos pendentes no HULA e no barrio da Residencia, que se remate o Plan Paradai e a rehabilitación da Tinería, a construción da Ronda Leste ou o Museo da Romanización”, argumentou Fernández.
O voceiro municipal cuestionou ademais que o PP “critique o proxecto do DUSI mesmo antes de presentado, o mesmo que fixo cos Orzamentos ou a execución das melloras na rúa Noriega Varela cando foron as aprobadas en Pleno cos seus votos a favor”.