Os socialistas lucenses iniciaron a campaña electoral coa tradicional pegada de carteis e pediron o voto á cidadanía para forzar un xiro á esquerda na dirección de Europa e as súas políticas

Será unha campaña intensa con varios actos na cidade e na zona rural, ademais o mitin central celebrase o día 17 de maio e contará coa asistencia e intervención de Alfonso Guerra

O Voceiro do Goberno Local e Secretario Xeral da Agrupación Local do PSdeG-PSOE de Lugo, Luis Álvarez, acompañado por membros do Grupo Municipal Socialista, participaron no acto de inicio da campaña da eleccións ao Parlamento Europeo, que se celebrarán o vindeiro 25 de maio, e ás que concorre como candidato o lucense José Blanco.

Luis Álvarez, o Deputado autonómico e Secretario Provincial, Juan Carlos González Santín, o Senador lucense, Ricardo Varela, e a Deputada autonómica, Concepción Burgo, protagonizaron este xoves, coa tradicional pegada de carteis, o inicio da campaña das eleccións europeas.

Os socialistas arrancaron así a carreira cara as urnas nun acto político celebrado na Praza Anxo Fernández Gómez, e no que situaron estes comicios como “a nosa oportunidade para cambiar Europa; a oportunidade para imprimir outra dirección e para que a Unión Europea poida cumprir a súa promesa de crear mellores oportunidades para todos”.

Por este motivo, os socialistas pediron o voto da cidadanía para “trazar un novo horizonte de progreso e para volver a dar esperanza e ilusión a un país, a unha comunidade autónoma e a unha provincia que o merecen. España necesita a Europa, ao igual que Europa necesita a España e, polo tanto, necesita a Galicia e a Lugo. Europa, España, Galicia e Lugo precisan unha maioría de esquerdas, porque non podemos permitir un goberno que utiliza a maioría absoluta fronte a maioría das persoas”, indicaron.

Por iso, “os cidadáns necesítannos máis ca nunca porque existe un estrés social que non se pode aguantar nin asumir. Están fartos de escoitar todos os días imposicións, continuos recortes e, o que é máis grave, que isto se fai sen dar unha alternativa. Aos nosos maiores, a Xunta de Galicia recortoulles a prestación por coidador un 15%; o PP convertiu a Educación nun privilexio, hoxe 7.000 familias lucenses pagan o comedor escolar; seguimos sen Hemodinámica as 24 horas e a Xunta aínda non lle buscou unha utilidade á antiga residencia; temos que pagar uns 30 euros de media polas cadeiras de rodas, o repago de medicamentos; Lugo non terá AVE por unha decisión unilateral da Sra. Ministra de Fomento, enganando para elo deliberadamente a todos os lucenses e ao Concello de Lugo. A Europa que queremos non é unha fronteira, é un espazo de cidadanía e de solidariedade”, apuntaron.

Campaña intensa
Os socialistas lucenses emprenderon así unha campaña intensa, cuxo mitin central se celebrará o día 17 de maio no Auditorio Municipal Gustavo Freire, e no que está prevista a asistencia e intervención de Alfonso Guerra. Non obstante, durante as próximas dúas semanas, o PSdeG-PSOE de Lugo celebrará varios actos tanto na cidade como na zona rural.