Lara Méndez avanzou o programa electoral do PSOE en materia de políticas sociais en dous encontros en Castelo e Santa Comba, “unhas propostas que racharán co Estado de Desigualdade creado polo Goberno de Rajoy”

A Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, presentou este domingo en Castelo e Santa Comba ante a veciñanza o programa do PSOE en materia de políticas sociais, “unhas propostas que racharán co Estado de Desigualdade creado polo Goberno de Rajoy”, tal e como indicou a rexedora. Neste encontro, Méndez expuxo algunha destas medidas que pasan pola derogación da reforma laboral, a subida do salario mínimo interprofesional ou a creación dun Ingreso Mínimo Vital para familias en risco de pobreza.

Neste senso, Méndez asegurou que “o 20D decídese rachar coa desigualdade e abandonar a pobreza á que nos condenou o PP”, ao tempo que denunciou o incremento da desigualdade creada pola reforma laboral de Rajoy, o desmantelamento do Estado de Benestar, a subida dos impostos e o aumento do risco de pobreza ou de exclusión social.

“Precisamos un Goberno que loite por vencer a pobreza e non un Goberno que nos empuxe a ela”, aseverou Méndez, ao tempo que lembrou que a media do risco de pobreza en España está catro puntos por riba da europea, e que a poboación española en perigo de caer en exclusión social aumentou uns 5 puntos en seis anos. En España hai máis de 13 millóns de persoas en risco de pobreza e máis de 2 millóns de menores en situación de exclusión social, sendo un dos países nos que máis se incrementaron as desigualdades nos últimos anos, “unha situación inadmisible nunha democracia avanzada”.

Lara Méndez pediu o apoio para o Partido Socialista o vindeiro 20 de decembro, “a única alternativa para facer fronte ás políticas baseadas na perda de dereitos e de substituílas por outras capaces de recuperar o Estado de Benestar e un nivel de vida xusto e digno para os cidadáns”.Santa Comba