A Xunta convirte ós concellos en recadadores dun tributo autonómico, non dá a cambio ningún tipo de compensación e, por se fora pouco, agora pretende que as arcas municipais se fagan cargo dos recibos impagados

A Xunta de Galicia vai a máis no seu abuso sobre os concellos ós que obriga a recadar, sen ningún tipo de contraprestación a cambio, o canon do saneamento.

Por se fora pouco que o Concello de Lugo se vexa obrigado a recardarlle á Xunta o canon de saneamento, agora o Goberno galego pretende tamén que sexa o Concello quen asuma e lle pague as cantidades que non aboan os contribuíntes que deixan recibos da auga impagados.

O canon de saneamento é un tributo establecido pola Xunta de Galicia que obriga ó Concello a facer todo traballo de xestión e recadación deste imposto autonómico sen que a administración municipal perciba a cambio ningún tipo de compensación.

Para o Concello, que está obrigado a incluir este imposto da administración galega no recibo da auga, a recadación do tributo autonómico supón un notable esforzo en persoal e tamén un custe material polo que non recibe contraprestación ningunha.

E por se fora pouco, agora a Xunta reclámalle ó Concello de Lugo que asuma o custe do importe do canon polos recibos impagados.

O Concello, disconforme con esta reclamación abusiva, que convirte á administración local en responsable subsidiaria dos recibos que non foi posible cobrar, anuncia a presentación de alegacións contra as pretensións do Goberno galego.