Parte das competencias pasarán á Alcaldía, na que se crea a figura de Coordinador de Área, o Arquivo incorpórase á Concellería de Urbanismo e os Mercados dependerán de Economía

Manuel Núñez, que non terá adicación exclusiva, asumirá Participación Cidadá, o 010, Sanidade e Consumo

Os cambios produciranse no mes de abril, cando deixe a Corporación Francisco Fraga

O Alcalde, José López Orozco, anunciou hoxe a reestruturación do Goberno local, motivada pola próxima marcha do Concello do actual responsable da área de Servizos Xerais, Francisco Fraga, que se fará efectiva no Pleno que celebrará a Corporación Municipal no mes de abril.

Manuel Núñez López sustituirá na Corporación Municipal a Francisco Fraga, que deixa o Concello para reincorporarse á docencia na Universidade, e vaise incorporar ó Goberno local pero non cobrará adicación exclusiva.

Por este motivo, o Alcalde decidiu redistribuir as competencias que agora ten a Área de Servizos Xerais.

López Orozco anunciou que o novo Concelleiro, Manuel Núñez, farase cargo dos sevizos de Participación Cidadá, 010, Sanidade e Consumo. O Arquivo municipal pasará a depender da Área de Urbanismo, que dirixe Luis Álvarez, e as competencias en materia de Mercados integraranse na Área de Economía, Emprendemento e Autónomos, que é responsabilidade de Sonia Méndez.

O resto das competencias que dependen na actualidade de Servizos Xerais, Cemiterio, Estatística, Rexistro, Informática e Modernización Administrativa, pasarán a depender da Alcaldía, que tamén dirixe os servizos de Protección da Comunidade, Recursos Humanos, Actas e Asesoría Xurídica.

A remodelación do Goberno complétase coa creación da figura de Coordenador da Alcaldía, que vai desempeñar a actual Xefa de Persoal do Concello, Marta López.