López Orozco explica que o Concello cumpriu toda a normativa vixente e os permisos foron renovados sen problema ningún todos os anos desde 2008

O Alcalde opina que as excusas dadas polo Subdelegado do Goberno parecen motivadas porque “teñen mala conciencia”

O Alcalde, José López Orozco, considera que é necesaria “boa vontade e traballo en común para garantir a seguridade na nosa cidade”. O Alcalde fixo estas declaracións en referencia ó problema ocasionado pola denegación da renovación do permiso para as cámaras de videovixilancia do polígono do Ceao.

O Alcalde tamén manifestou, en resposta a preguntas dos xornalistas, que o seu comportamento foi leal en todo momento, polo que non entende as declaracións que fixo onte o Subdelegado do Goberno. De feito, lembrou que él non culpou en ningún momento ó Delegado do Goberno da negativa a renovar o permiso das cámaras de videovixilancia, polo que López Orozco sinalou que “dá a impresión de que teñen mala conciencia”.

O Alcalde explicou que a primeira resolución negativa, ditada o 26 de marzo, abría a posibilidade de interpór un recurso de reposición, polo que, ó recibila, falou co Delegado do Goberno para anunciarlle que se ía presentar ese recurso e tamén o puxo ó tanto do malestar que causaría ós empresarios a supresión das cámaras de videovixilancia.

López Orozco comunicou ademais daquela ós representantes dos empresarios do Ceao o que estaba a suceder e anuncioulles que o Concello ía recorrer esa primeira resolución.

O recurso de reposición foi desestimado o 24 de maio ó considerar que non se acreditara a existencia dun problema de seguridade pública que xustifique o funcionamento das cámaras de videovixilancia no Ceao.

O Alcalde considera que a Subdelegación do Goberno ten que ser coñecedora do estado da seguridade no polígono do Ceao, xa que é quen ten acceso ós expedentes dos feitos en contra da lei que se produciron alí. Para López Orozco, non hai un cambio nas circunstancias de seguridade do Ceao que xustifique a denegación deste permiso.
O Alcalde lembrou que o permiso para as cámaras de videovixilancia foi concedido no 2008 e autorizado de novo en 2009, 2010 e 2011 e dixo que o Concello cumpre toda a normativa vixente.

Respecto da documentación aportada polo Concello, a solicitude de renovación do permiso acompañouse con diversos documentos, entre eles, un escrito da Axencia Española de Protección de Datos que lle daba a razón ó Concello fronte a unha queixa do Movemento pola Defensa dos Dereitos Civís e copias de distintas noticias que dan conta de diversos roubos cometidos no Ceao.

Nos antedecentes de feito da resolución que rexeita o recurso de reposición presentado polo Concello dase conta de todos os escritos referentes a este asunto: o primeiro, de 5 de xaneiro de 2012 remitiuno a Delegación do Goberno ó Concello para que tramitase a renovación do permiso, o 15 de febreiro de 2012 a Delegación do Goberno recibiu a petición feita polo Concello, o 13 de marzo de 2012 a Comisión de Garantías de Videovixilancia de Galicia acordou denegar a renovación do permiso, o 26 de marzo de 2012 o Delegado do Goberno ditou a primeira resolución denegatoria e o 27 de abril de 2012 chegoulle á Delegación do Goberno o recurso de reposición, que foi desestimado o 24 de maio de 2012.

López Orozco anunciou, ademais, que o venres reunirase cos empresarios do Ceao para tratar deste asunto.