López Orozco declara que os lucenses honrados somos maioría e eu son un deles, como xa demostrou a Xustiza en ocasións anteriores
O Alcalde asegura que o Concello non ampara ilegalidades e que tanto o Goberno como os funcionarios están a absoluta disposición da Xustiza para dar canta explicación sexa necesaria
O Alcalde de Lugo, José López Orozco, anunciou hoxe, nunha declaración pública, que se defenderá nos tribunais de calqueira intento de danar a súa imaxe e relacionalo coa trama que investiga o Xulgado de instrucción número 1 na chamada operación Pokemon.
O Alcalde fixo pública hoxe unha declaración na que lembrou que xa houbo outras tentativas infructuosas de manchar a súa honorabilidade, que a propia Xustiza se encargou de desmentir.
Leo na prensa que, na operación Pokemon, parece que se fala de mín, comezou a declaración do Alcalde. Deseguido lembrou que eu son o Alcalde de Lugo por decisión dos veciños e engadiu que hai xente interesada en danar a miña imaxe, pero non me dan medo. Lembrou que xa se intentou máis dunha vez e a Xustiza demostrou a miña inocencia.
López Orozco salientou, noutro momento da declaración, que o Concello de Lugo non fai ilegalidades e reiterou que a administración local está a total disposición da Xustiza.
O Concello non protexe nin ampara ilegalidades e agradecemos a intervención da Xustiza para depurar calquera acto ilícito, manifestou o Alcalde, polo que insistiu en que tanto eu como os membros do Goberno e os funcionarios estamos á absoluta disposición da Xustiza para dar canta explicación sexa necesaria.
Ademais, o Alcalde defendeu que os lucenses honrados somos maioría, eu son un deles e poderei probalo.
Por último, o Alcalde anunciou que pedirá declarar no Xulgado e tamén solicitará autorización do mesmo para querelarse contra quen tente involucralo en calquera actuación ilícita.
Quero anunciarlles que dei orde ós meus avogados para que presenten un escrito no Xulgado número 1 solicitando que se me chame a declarar e pedirei autorización para presentar unha querela contra calquera que, coas súas manifestacións, trate de involucrarme en actuacións ilícitas, se é que son certas as filtracións que publica a prensa, concluiu o Alcalde.