Lopez Orozco destaca que Jaime Castiñeira alardea agora destas promesas que foron incumpridas en numerosas ocasións polo Partido Popular
O Alcalde de Lugo, José López Orozco, denunciou esta mañá o electoralismo dos anuncios de promesas incumpridas reiteradamente pola Xunta do PP. Estes anuncios fan referencia a unha contratación inminente do servizo de Radioterapia para o HULA e a unha rebaixa do 50% no prezo das parcelas do Polígono Industrial das Gándaras.
López Orozco dixo que non deixa de sorprender tanta presa agora co servizo de Radioterapia, cando xa fai catro anos que o prometeu Feijóo. Tamén destacou que agora a Jaime Castiñeira alardea destas promesas que foron incumpridas en numerosas ocasións polo Partido Popular.
Non nos fiamos do Partido Popular e moito menos do señor Castiñeira destacou o Alcalde, polo que faremos un seguimento destas novas promesas que foron incumpridas reiteradamente, para que Lugo conte o antes posible co servizo de Radioterapia.
O Alcalde de Lugo tamén fixo referencia ao escrito que lle mandou o Xerente de Xestur, no que lle indica que por fin a Xunta publicou no DOGA que abriu o prazo para pedir parcelas no Polígono Industrial das Gándaras cunha rebaixa do 50% sobre o prezo inicial do mesmo.
Neste sentido o Alcalde alegrouse de que por fin se tomara esta medida e agarda que cumpran este compromiso para que moita xente se presente a estas parcelas, para que haxa máis empresas que se poidan instalar neste polígono.