López Orozco incidiu na necesidade de ter unha voz forte en Europa como a de José Blanco, que defenderá os intereses e o futuro dos agricultores e gandeiros no Parlamento Europeo

O Alcalde de Lugo, José López Orozco, e o Concelleiro de Infraestruturas e Medio Rural, Manuel Chaín, mantiveron hoxe un encontro con veciños da zona rural na Escola de Santa María de Bóveda. Neste encontro falouse de diversas cuestións que lles afectan directamente a todas as persoas que viven e traballan no rural.

O Alcalde destacou que os dous anos e medio de xestión de Arias Cañete como Ministro de Agricultura son un bo exemplo de que foi un nefasto ministro para o rural, porque o desemprego aumentou un 60% no sector agrario, reduciuse máis dun 40% o orzamento do Estado en materia de agricultura e dedícanse 2.000 millóns de euros menos para o desenvolvemento rural.

“O candidato do PP foi incapaz de defender os intereses de España na Unión Europea, tal e como demostrou coa negociación da nova Política Agraria Común, na que España perdeu un 12% do orzamento”, segundo explicou López Orozco. Ademais dixo que “o modelo deseñado por Cañete para poder acceder ao cobro da PAC prexudica aos agricultores profesionais e beneficia aos agricultores terratenentes”.

En contraposición á política levada a cabo polo Partido Popular, o Alcalde de Lugo destacou que “os socialistas apostamos por unha Europa comprometida co futuro do rural, cunha Política Agraria Común que aposte polos agricultores activos e que fortaleza as medidas de intervención nos mercados de alimentos”.

López Orozco incidiu na necesidade de ter unha voz forte en Europa como a de José Blanco, que defenderá os intereses e o futuro dos agricultores e gandeiros no Parlamento Europeo.