O Alcalde de Lugo, José López Orozco, acompañado por varios membros do Goberno Municipal, participaron está mañá diante da Casa Consistorial na concentración convocada pola Comisión de Alcaldes contra a Reforma Local.

Baixo o lema “Defende o teu concello o 12 do 12 ás 12 contra a Reforma Local” representantes municipais, sindicais, empregados públicos, colectivos sociais e cidadáns expresaron o seu rexeitamento a esta reforma do Goberno do PP, porque destrúe a administración municipal, que é a máis próxima á cidadanía e, por tanto, a que máis necesitan os veciños nestes momentos de crise.

A Comisión de Alcaldes constituíuse para crear unha fronte común contra a Reforma Local do Partido Popular e está formada por alcaldes e concelleiros contrarios ao proxecto de Lei de Racionalización e Sostibilidade da Administración Local, que se votará no Pleno do Senado previsiblemente o 16 de decembro e despois aprobarase definitivamente no Congreso.