López Orozco entregoulle á Xuiza Pilar de Lara as súas contas dende medio ano antes de acceder á Alcaldía de Lugo

O Alcalde de Lugo declarou a petición propia no Xulgado de instrucción número 1 para desbotar as falsas acusacións que se lle fixeron no caso Pokemon

O Alcalde de Lugo, José López Orozco, entregou hoxe no Xulgado de intrucción número 1 todas as súas contas dende medio ano antes de acceder á Alcaldía da cidade para demostrar que é inocente das falsas acusacións das que é vítima.

O Alcalde entregoulle á Xuiza Pilar de Lara Cifuentes, que instrúe o caso Pokemon, todas as súas contas dende o 1 de xaneiro de 1999 -José López Orozco tomou posesión da Alcaldía de Lugo o día 3 de xullo de 1999- ata hoxendía e explicoulle á Xuiza todos e cada un dos movementos que fixo nas súas contas bancarias durante todos estes anos.

López Orozco declarou esta tarde a petición propia diante da Xuiza de instrucción número 1, Pilar de Lara Cifuentes, logo de que distintos medios de comunicación difundiran un auto xudicial do mesmo Xulgado no que se facía referencia a que o Alcalde de Lugo cobrara presuntamente sobornos da empresa Cechalva, concesionaria do servizo municipal da grúa.

O mesmo día no que se difundiron esas noticias, o 14 de maio, o Alcalde pediu exercer o seu dereito a declarar no Xulgado para defender a súa inocencia.

O Xulgado respondeu a esta petición citando ó Alcalde para hoxe ás cinco da tarde.

Na súa comparecencia, José López Orozco deixou claro, unha vez máis, que nunca aceptou ningún tipo de soborno, nin por parte de Cechalva nin tampouco de ningunha outra empresa, entidade ou persoa, nin tampouco recibíu nin tan sequera unha mínima insinuación, oral ou escrita, para que infrinxise a lei a cambio de percibir ningunha cantidade.