López Orozco estivo acompañado por concelleiros e membros da organización socialista na xuntanza celebrada no Centro de Convivencia Maruja Mallo

O Alcalde, José López Orozco, acompañado por concelleiros do Grupo Municipal Socialista e membros da Executiva Local do PSdeG-PSOE de Lugo, mantivo un encontro cos veciños e veciñas do barrio de Fontiñas no Centro de Convivencia Maruja Mallo co obxectivo de escoitar as súas propostas para seguir mellorando o municipio.

Con este encontro López Orozco continúa coa campaña “O PSOE en pé de rúa: Lugolízate e decide como queres que sexa o teu barrio, parroquia e concello”, que consiste na posta en marcha das reunións con veciños e veciñas dos barrios da cidade e da parroquias da zona rural para coñecer as súas propostas e incluílas no programa electoral das municipais do 24 de maio.

Esta campaña enmárcase no Proxecto de municipio, co fin de dar unha resposta axeitada e eficaz á sociedade lucense, deseñando unha estratexia de futuro que permita facer fronte aos desafíos actuais e consolidar un modelo de cidade integral, a través da participación cidadá.

Os próximos encontros serán o martes, día 10 de febreiro, ás 21:00 horas no Centro de Dinamización Social de Coeses e o xoves, día 12 de febreiro, ás 21:00 horas no Local Social de Esperante. Con estas reunións preténdese dar cobertura tanto ao medio urbano como ao rural porque o PSdeG-PSOE de Lugo é consciente de que esta é a realidade do noso municipio.