As estatísticas turísticas demostran que Lugo se vai consolidando como unha alternativa para facer visitas e coñecer a súa historia

Máis de 7.000 folletos promocionais e material audiovisual será o material que se repartirá na feira de turismo

Concello de Lugo e Grupo Alsa asinan un convenio para a promoción do Arde Lucus en toda España

O Alcalde de Lugo, José López Orozco, e a Concelleira de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua, Carmen Basadre, presentaron esta mañá no marco da 33ª edición de Fitur a campaña turística Lugo máis de 2.000 anos de vida, ante a atenta mirada de numerosos curiosos que solicitaron información sobre a cidade. No acto tamén estiveron presentes lucenses recoñecidos como a escritora Marta Rivera de la Cruz ou o Delegado da Casa de Galciia en Madrid, José Ramón Anega López.

O acto, que tivo lugar no pabellón 9 dentro do stand de Turgalicia, comezou coa proxeción dun video promocional do Arde Lucus presentado por Carmen Basadre e outro sobre a cidade no que se reúnen imaxes relacionadas coa historia, a arqueoloxía, a gastronomía, as festas tradicionais, os novos equipamentos culturais e o Río Miño.

López Orozco centrou o acto, ademais de “invitar a todo o mundo a descubrir a nosa cidade”, en explicar os cinco puntos que diferenzan a Lugo do resto das cidades resumindo os principias recursos turísticos. En primeiro lugar, explicou o importante legado romano do que destaca a Muralla, ben Patrimonio da Humanidade dende o ano 2000, e emblema dun pasado romano do que quedan extraordinarios vestixos como a Ponte Romana, a Casa dos Mosaicos, ou a recente posta en valor da Piscina e o de parte do Acueducto. Ademais destacou a posta en marcha do Museo Interactivo da Historia de Lugo que recolle como foi evolucinando a cidade dende hai 2.000 anos.

En segundo lugar destacou o casco antigo dentro das Murallas, “un centro histórico único no mundo por estar dentro dos muros da única muralla romana que se conserva íntegra. Dela destacou a Catedral, restaurada neste último ano e no que se recuperaron importantes frescos, e as rúas próximas, ademais do entorno restaurado da Tinería que conservan a estrutura do burgo medieval.

“Pero Lugo non sería Lugo se non contásemos cunha ribeira do Miño como a que temos e que nos permite desfrutar de paisaxes únicos” segundo manifestou López Orozco. Así, a Unesco declarou no 2002 Reserva da Biosfera a zona “Terras do Miño” que supón un recoñecemento internacional á conservación das paisaxes, hábitats e especias da rexión.

O rexidor lucense tamén destacou un dos puntos fortes da cidade a súa gastronomia, baixo o lema “E para comer Lugo” xa que na cidade mestúranse a tradición secular coas tendencias máis actuais pero, en todos os casos, destacan pola boa calidade dos produtos autóctonos tanto do mar como da terra.

Pero Lugo non só é historia, natureza e gastronomía, “a cidade tamén conta con numerosas festas importantes entre as que destacamos pola cantidade de visitantes que reciben o Arde Lucus e o San Froilán”. Así, os meses de xuño e outono acollen a milleiros e visitantes que se achegan para desfrutar das mellares festas de Galicia, e non hai mellor acreditación que as Declaracións de Festa de Interese Turistico Nacional dende o 2006 para o San Froilán e de Festa de Interese Turístico Galego, para o Arde Lucus.

A Concelleira de Cultura, Carmen Basadre destacou que “queremos darnos a coñecer e presentar as novidades que temos, a nosa riqueza patrimonial e o ben que se come”. Neste sentido explicaba que nos últimos anos o turismo tanto nacional como estranxeiro foi aumentando progresivamente “se comparamos os datos de turismo de 2005 e do 2012 percíbese un incremento do 186% nas visitas de orixe español e un 162% nas de estranxeiros polo que as accións turísticas que estamos levando a cabo son efectivas e ímonos consolidando como un destino a ter en conta” segundo Carmen Basadre.

CONVENIO GRUPO ALSA ARDE LUCUS

O Alcalde de Lugo, José López Orozco, e o Director Xeral do Grupo Alsa, Rafael González Hernández, asinaron esta mañá en Fitur un novo convenio para apoiar e participar no Arde Lucus que facilitará o transporte aos turistas que se queiran achegar a Lugo durante a festa.

O Alcalde destacou que ”chegamos a un acordo entre o Concello de Lugo e o Grupo Alsa para facer un desconto do 25% a todas as persoas que queiran achegarse a desfrutar o Arde Lucus”, que se celebra os días 14, 15 e 16 de xuño. Ademais, o compromiso base é facer unha promoción da festa por toda España a través dos recorridos que o Grupo Alsa realiza. Neste sentido comprometéronse, igual que durante o 2012, a emitir un vídeo de 20 segundos sobre o Arde Lucus e o que representa para a cidade no canal de entretemento a bordo dos que dispoñen todos os autobuses. Este audiovisual emitirase entre o 15 de maio e o 16 de xuño de 2013 en todas as liñas da empresa de transporte.

Tamén disporán na páxina web (www.alsa.es ) dun banner onde se poderá obter toda a información para a compra dos billetes e sobre a programación do Arde Lucus. Dende esta aplicación farase o desconto do 25% para aquelas persoas que merquen un billete para a cidade de Lugo entre os días 11 e o 18 de xuño.