O Alcalde denuncia a marxinación que supón para Lugo esta decisión e pregúntase se a Xunta era coñecedora dunha medida que se ocultou ao Concello desde 2012
O Alcalde, José López Orozco, expresou a súa indignación coa decisión de Adif de anular o contrato do proxecto da Estación Intermodal e denuncia a marxinación que elo supón para Lugo.
O Alcalde amosou hoxe o seu total desacordo e oposición a esta decisión tomada polo Goberno do Partido Popular e que supón unha discriminación, ademais dun engano á cidade de Lugo.
López Orozco manifestou que está francamente preocupado e destacou que rexeita esta medida que se coñece agora, logo de mantela oculta dende outubro de 2012.
O Alcalde destacou tamén que parece unha decisión unilateral do Ministerio de Fomento e dixo que non comprendemos que unha sola administración teña tomado esta decisión de xeito unilateral, tendo firmado como firmamos un convenio entre a Xunta, Adif, o Ministerio de Fomento e o Concello de Lugo, a non ser que a Xunta fora coñecedora da paralización deste proxecto.
López Orozco tamén lembrou que a anulación do contrato mantívose oculto á cidadanía e ao Concello a pesar de que o propio Alcalde lle preguntou á Ministra de Fomento, Ana Pastor, sobre a situación da alta velocidade a Lugo e o proxecto da Estación Intermodal na recente entrevista que mantivo con ela en Madrid.
Nesa xuntanza, que tivo lugar na sede do Ministerio de Fomento o día 3 de decembro de 2013, tal e como se informou no seu día a Ministra comprometeuse co Alcalde a enviar a Lugo aos técnicos do seu departamento no mes de xaneiro deste ano para estudar a situación e o anteproxecto da Estación Intermodal.