Tres informes dos servizos municipais demostran que Dorribo minte
O Alcalde, José López Orozco, defendeu hoxe a honorabilidade da funcionaria municipal imputada por unhas falsas acusacións de Jorge Dorribo.
O Alcalde fixo públicos tres informes dos servizos municipais que deixan en evidencia a falsidade das declaracións feitas por Dorribo respecto da suposta irregularidade na contratación de material sanitario para o Concello de Lugo.
O Alcalde facilitou ós medios de comunicación os informes da Intervención municipal, do Servizo de Contratación e Fomento e do Parque Móbil que desmontan o dito por Dorribo.
O informe da Intervención municipal acredita que o Concello pagou só 20.654 euros desde 2007 ata o día de hoxe pola compra e aluguer deste material, que inclúe de botiquíns de primeiros auxilios a desfibriladores, en contra do que dixo Dorribo que falou do pago de cantidades que irían de 80.000 e 100.000 euros nun só ano.
O informe de Contratación e Fomento demostra que non houbo convenio ningún nesta materia entre o Concello e ningunha empresa de Dorribo, de feito, como aclarou o Alcalde, o suministro de materiais sanitarios fíxose sempre mediante acordo da Xunta de Compras, na que participan a oposición e os servizos técnicos municipais.
E, por último, o informe do xefe do Parque Móbil demostra que non se entregou ningún botiquín especial para o vehículo do Alcalde. De feito, explica que o Parque Móbil recibiu oito bolsos con material sanitario para poñer, fundamentalmente, nos camións e tractores desbrozadora e un no taller mecánico. Todos eses bolsos son iguais, teñen o mesmo contido e ningún sería operativo para os vehículos turismo dado o seu tamaño.