López Orozco considera escandaloso que o Voceiro do PP no Concello de Lugo coñecera hai alomenos tres días o informe da APLU e pregúntase se traballou na súa redacción
O Alcalde recorda que o Conselleiro de Medio Ambiente e a Presidenta da APLU aparecen no sumario da Operación Campión
As licenzas que informa desfavorablemente a APLU teñen o aval dos técnicos municipais e os proxectos foron visados polos Colexios de Arquitectos e Enxeñeiros
Os técnicos municipais aplicaron ás licenzas de Nupel os mesmos criterios que sempre se seguiron no Concello de Lugo
O Alcalde de Lugo, José López Orozco, denunciou hoxe a instrumentalización política da Axencia de Protección da Legalidade Urbanística, APLU, organismo dependente da Consellería de Medio Ambiente, Infraestruturas e Territorio, que vén de informar desfavorablemente as licenzas das naves de Nupel.
O Alcalde, que vén de coñecer o informe desfavorable feito pola APLU a petición do Xulgado de instrucción número 3, considerou asombroso este pronunciamento contrario ós informes favorables emitidos polos técnicos do Concello e calificou de escandaloso e vergonzoso que un organismo público utilice políticamente informes feitos a solicitude dun Xuiz.
Quero denunciar algo que me parece escandaloso, dixo o Alcalde e engadiu que é vergonzoso que un organismo público que debera ser imparcial faga política coas resolucións que lle pide un Xuiz.
López Orozco lembrou que a APLU é un organismo dependente da Consellería de Medio Ambiente e a súa presidenta é a Secretaria Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo e explicou que curiosamente, como saben e se non dígollo eu, tanto o señor Conselleiro como a señora Secretaria Xeral teñen certo protagonismo no sumario da Operación Campión.
O Alcalde tamén chamou a atención sobre as declaracións que fixo o martes pasado o Voceiro do Partido Popular no Concello de Lugo, Jaime Castiñeira, das que se tira que xa coñecía ese día cal era o contido do informe pedido polo Xulgado. Ó respecto manifestou que aínda que a APLU, que como digo é un organismo público, debera ser imparcial, nós acabamos de ter noticia dunha resolución da APLU, pedida polo Xulgado, que o Voceiro do Partido Popular no Concello de Lugo coñecía polo menos hai tres días, xa que só así se explica o que dixo o martes das licenzas de Nupel, cando Castiñeira relacionou as licenzas de Nupel co que chamou urbanismo á carta.
López Orozco preguntouse se Castiñeira, ademais de coñecer o informe da APLU, tamén traballou na súa redacción e dixo que esta instrumentalización política dun organismo público é bochornosa pero espero que o Voceiro do PP no Concello de Lugo só fora informado e non tivera algún tipo de protagonismo nesta extraña decisión que tomou a APLU.
López Orozco reiterou, unha vez máis, que nunca falou, por ningunha vía, con Jorge Dorribo das licenzas de Nupel e iso motivou que o Alcalde presentara unha querela criminal contra o empresario. Lembrou, ademais, que todas as licenzas concedidas a Nupel polo Concello foron informadas favorablemente polos técnicos municipais e os servizos técnicos do Concello defenden a súa legalidade.
Manifestou, tamén, que a licenza de comunicación das naves deuse seguindo os mesmos criterios que sempre se aplicaron neste Concello, sendo eu Alcalde e antes de ser eu Alcalde.
O rexedor municipal tamén explicou que, se o Concello denegara as licenzas tendo éstas o informe favorable dos técnicos, sería unha prevaricación e destacou que, ademais dos informes municipais, os proxectos tamén contaron cos visados dos Colexios oficiais de Arquitectos e Enxeñeiros.
Ademais recordou que a licenza é do ano 2004, tres anos antes da primeira vez que Nupel patrocinou unha actividade deste Concello. O primeiro patrocinio foi o do Arde Lucus de 2007 e a empresa Nupel presume do patrocinio desta festa pola repercusión social que ten na súa memoria de responsabilidade social, que está incorporada ó sumario.