O Alcalde de Lugo e candidato polo PSdG-PSOE, José López Orozco, considera que o Presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, confunde o seu desexo coa realidade respecto das expectativas electorais do PP en Lugo.
López Orozco declarou que o resultado electoral depende dos lucenses e o 22 de maio sobre as dez e media da noite ímolo saber. En todo caso, o Alcalde amosouse convencido de que a candidatura que encabezará terá un bo resultado eu estou convencido que a candidatura que teño o honor de encabezar vai ter un bo resultado porque os veciños saben o cambio que experimentou a cidade, que non se parece en nada á que eu recibín e iso é grazas ó esforzo e a xestión do Concello. Polo tanto creo que se vai confundir o señor Presidente da Xunta, seguro que tiña un momento de euforia pero a euforia nunca se pode confundir coa realidade, manifestou López Orozco.
Tocante a súa candidatura, o Alcalde indicou que estou aínda dando os últimos retoques pero explicou que non atopo máis que facilidades por parte das persoas que poden ir na candidatura e das que non van. Hai que buscar ós mellores homes e mulleres e agardo que o luns a aprobe a asamblea, declarou o Alcalde.