López Orozco agarda quedar desimputado pronto logo da súa declaración onte no Xulgado e mantén aberta a porta ó BNG para recompoñer o Goberno de coalición
O Alcalde, José López Orozco, manifestou hoxe en declaracións ós medios de comunicación que o Goberno local de Lugo ten como principal obxectivo para o futuro inmediato a elaboración dos Orzamentos do Concello para o vindeiro ano que, segundo dixo, están moi avanzados e terán un importe semellante ós de 2012.
O Alcalde manifestou a súa confianza en que poidan estar rematados nas próximas semanas e indicou que serán por unha cantidade pouco maior que este ano, dada a situación económica que vive o país. Neste sentido, López Orozco indicou que estamos á espera de poder empregar parte dos remanentes de tesourería que temos no Concello para facer investimentos na cidade e sinalou que a interpretación da norma agora mesmo non o permite, pero, parece que xa hai algún cambio por parte das autoridades económicas e esperamos que iso se produza porque sería unha moi boa nova para o Concello de Lugo.
López Orozco sinalou tamén que, logo de prestar declaración onte no Xulgado de instrucción número 1, agardo o momento no que se produza a desimputación e ratificou que se atopa cheo de ánimo para traballar pola cidade, xa que se necesita moito traballo no momento económico que estamos a vivir.
A preguntas dos xornalistas, o Alcalde explicou que me chamou, fai un momentiño, Antón Bao e díxenlle vente por aquí que temos que falar longo e tendido e engadiu que se eu puidera recompoñer o Goberno faríao encantado, pero sempre con moito respecto cara o BNG e as súas decisións.
Sobre as peticións de dimisión que se fan cando un político ten que declarar nun Xulgado como imputado, López Orozco manifestou que temos que cambiar de actitude, sempre dixen que, se eu me sentía inocente, os demais, aínda que sexan doutro partido, teñen o mesmo dereito a sentirse inocentes e aproveitou para replicarlle a unhas recentes declaracións do Presidente da Deputación de Ourense, Xosé Manuel Baltar Blanco, do que dixo canto mellor estaba calado, e aclaroulle señor Baltar junior, Orozco non pediu para os demais nada máis que o que pedín para mín, tanto o dixen que podía falar con algún compañeiro do seu partido que me agradeceu o comportamento que tiven con imputados non só do meu partido senón tamén dos outros partidos.
Ademais, o Alcalde informou de que leva recibido moitas chamadas de apoio de compañeiros e dirixentes socialistas, tanto do ámbito nacional como galego, como Gaspar Zarrías, Pachi Vázquez ou Abel Losada, e tamén de moitos amigos que non son militantes do PSOE. Ademáis, López Orozco recibiu esta mesma mañá a visita do Alcalde de As Pontes de García Rodríguez, Valentín González Formoso, con quen teño unha magnífica relación, e aproveitamos para falar do importante que sería establecer un corredor económico Lugo-As Pontes-Ferrol.