O Concello ofreceulle á Consellería terreos no Sagrado Corazón para construir un novo centro escolar no barrio

O Goberno local amosa a súa satisfacción polo encontro pero lamenta que non se antenda a necesidade dun instituto no sur de Lugo e que a Xunta se desentenda do Cuartel de San Fernando

O Alcalde, José López Orozco, e o Concelleiro de Urbanismo, Luis Álvarez, reuníronse hoxe, en Santiago, co Conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Jesús Vázquez, que estivo acompañado de varios altos cargos deste departamento. Na xuntanza abordáronse varios asuntos en materia educativa e cultural de importancia para a cidade.

O Alcalde aproveitou o encontro para pedirlle ó Conselleiro que reconsidere a decisión de suprimir os estudos de Secundaria e Bacharelato do IES As Mercedes, tal e como reclaman a comunidade educativa deste centro escolar e como acordou o Concello na última sesión plenaria que celebrou a Corporación municipal.

López Orozco insistiulle a Jesús Vázquez durante a entrevista na necesidade de que reflexione sobre unha planificación educativa que deixa a toda a zona sur da cidade de Lugo sen ningún instituto e lamenta que o Conselleiro non se mostrara disposto a reconsiderar a súa posición.

Na xuntanza tamén se tratou sobre o futuro centro escolar para o barrio do Sagrado Corazón. O Conselleiro informou de que, dacordo cos estudos preliminares dos que dispón, as instalacións e terreos do actual colexio non son idóneos para emplazar o futuro centro escolar polo que o Alcalde ofreceulle á Consellería como alternativa outros terreos situados no mesmo barrio que están catalogados como dotacionais no Plan Xeral de Ordenación Municipal.

O obxectivo desta proposta é conseguir que os nenos e nenas do Sagrado Corazón teñan a posibilidade de ser escolarizados nun centro escolar situado no seu barrio. O Conselleiro aceptou este ofrecemento do Concello e comprometeuse a que técnicos do seu departamento visitaran a zona para avaliar a idoneidade dos terreos para construir neles un novo colexio.

Outro asunto que se abordou no encontro foi o estado do proxecto de construcción do comprometido Centro da romanización no Cuartel de San Fernando, que o Concello cedeu para este fin á Consellería.

Dado que Jesús Vázquez recoñeceu que a Consellería non dispón, neste momento, dos cartos necesarios para acometer o proxecto, o Alcalde pediulle que, cando menos, dispoña cada ano dunha partida presupuestaria para a consolición da estrutura do Cuartel de San Fernando para evitar o deterioro continuo e progresivo dun inmoble que, como é sabido, ten a catalogación de Ben de Interese Cultural.

Ademais, no encontro tratouse sobre os achádegos arqueolóxicos da Domus de Mitra. Segundo informou a Consellería, os traballos de excavación e recuperación destes restos do patrimonio arqueolóxico están rematados e na próxima semana vaise reunir, para a recepción das obras, a Comisión de seguemento do Convenio que manteñen o Concello, a Xunta e a Universidade.

Valoración do Goberno local

Tralo o encontro, o Voceiro do Goberno local e Concelleiro de Urbanismo, Luis Álvarez declarou que “celebramos e valoramos que, por fin, se escoitara ó Goberno de Lugo e, por tanto, ós lucenses por parte da Consellería de Educación”.

Luis Álvarez manifestou tamén que “temos que lamentar que un Goberno que leva cinco anos dirixindo Galicia aínda non teña un compromiso firme nin dispoña do diñeiro suficiente para cumprir o compromiso de crear o Museo da Romanización que vai ser unha dotación cultural referente para toda a Comunidade Autónoma” e laiouse ademais de que “a postura da Consellería respecto do IES As Mercedes sexa xa decisión aparantemente inamovible pese ó interese que amosamos para que se reconsiderase esa decisión e se escoitara á comunidade educativa”.