No discurso que pronunciou con motivo do Debate do estado do Concello, López Orozco asegurou que “os que peor o están pasando son a primeira preocupación do Goberno local e non serán abandoados á súa sorte”

Tamén anunciou que “as necesidades sociais non van sufrir recortes no Concello de Lugo”

O Alcalde de Lugo, José López Orozco, reafirmou hoxe o compromiso do Concello de Lugo coas persoas máis vulnerables ante a crise. López Orozco revalidou públicamente este compromiso durante o discurso que pronunciou esta tarde no Pleno no que se debatiu sobre o estado do Concello de Lugo, no que marcou a atención ás persoas en risco de exclusión como principal prioridade do Goberno local e como segundo obxectivo o fomento do emprego.

O Alcalde lembrou que no mes de xuño cumpriuse o primeiro ano da investidura e nese momento fixo un balance positivo dese primeiro ano de xestión e sinalou que “comprometínme daquela e reitero neste momento ese compromiso ante todos os cidadáns de Lugo de continuar afrontando a crise desde a esquerda, o que significa que, no que compete ao Concello, os que peor o están pasando non foron nin van ser abandoados a súa sorte, senón que eles son a primeira preocupación e a eles dedicaremos todo o esforzo que pode e debe facer unha Administración Pública”.

“Non son verbas ocas, senón que este compromiso tivo o seu reflexo orzamentario no ano 2012 e xa lles anuncio que volverá telo no ano 2013”, dixo o Alcalde e anunciou que “as necesidades sociais non van sufrir recortes”.

No seu repaso da xestión do Goberno local, o Alcalde destacou que “o Concello de Lugo adica 4,7 millóns de euros ás persoas maiores e ós nenos, para atención a persoas dependentes destinamos case 3,8 millóns de euros e nas catro escolas infantís municipais investimos máis de 1 millón de euros cos que atendemos a 240 nenos e nenas”.

Tocante ás políticas sociais e de emprego, o Alcalde salientou que “no último ano, as dificultades das familias lucenses aumentaron debido á crise económica e a consecuencia máis grave da mesma foi o desemprego”. Sobre este importante problema sinalou que “nestas condicións, sería lóxico pensar que os Gobernos Central e Autonómico, deberían incrementar a colaboración económica co Concello, para afrontar entre todos esta grave situación social”. Sen embargo, explicou López Orozco, “o certo é que, desgraciadamente, está sendo o contrario: máis recortes e menos colaboración” e engadiu que, na súa opinión, “estamos non só nun caso de incumprimento das súas obrigas legais, senón de algo máis grave: do incumprimento das súas obrigas morais”.

Para López Orozco, os Centros municipais de Servizos Sociais son a porta de entrada da demanda social e neles compróbase que “non só aumenta o número de novos expedentes abertos, senón que se produce un crecemento permanente nas renovacións”. Segundo indicou “iso significa que a moitas persoas cada vez resúltalles máis difícil sair da situación de precariedade na que se atopan” e sinalou que “por iso non me cansarei de repetir que, no caso de ter que optar, para o meu Goberno as políticas sociais serán as últimas en sufrir recortes”.

O Alcalde destacou que a finais de outubro deste ano o gasto realizado en emerxencia social polo Concello era de 119.747 euros cando en todo o ano 2011 foi de 129.364 euros. Neste sentido lembrou que ós 150.000 euros orzamentados para este programa incrementáronse co importe da paga extraordinaria que renunciaron a cobrar os políticos municipais e tamén destacou que o Concello tamén quere atender as posibles axudas polos desafiuzamentos.

Destacou tamén que no programa de Axuda no Fogar, que tamén sofriu a diminución de aportacións da Xunta e do Estado, o Concello foi quen de aumentar o gasto e ten contratadas 148.823 horas por un importe de 2,1 millóns de euros.

O Concello mantén, ademais, con fondos propios o programa de Xantar no Fogar así como os Centros de día, que atenden a 105 persoas e contan cun investimento de máis de 779.000 euros, cando no ano 2011 o investimento foi de 727.000.

Economía e emprego

O Alcalde tamén repasou o estado da economía municipal. Comezou lembrando que a liquidación do Orzamento de 2011 tivo un resultado positivo de algo menos de seis millóns de euros. “É dicir que, na conxuntura económica máis adversa que se acorda no noso país, fomos quen de ter unha contas equilibradas que nos permiten cumprir os nosos obxectivos políticos” e indicou que “pese a iso, un dos obxectivos económicos do Concello sigue sendo manter a estabilidade orzamentaria e a redución da débeda” e lembrou que as Ordenanzas fiscais municipais só subiron o IPC no 2012 e quedarán conxeladas no 2013.

Neste apartado, o Alcalde destacou que “por primeira vez, dase o caso de que a débeda que teñen contraída outras administracións co Concello de Lugo representa unha elevada porcentaxe, o 10% do total da débeda en executiva, debido a que a Xunta de Galicia débelle ó Concello 1.900.000 euros, feito que pode ocasionar tensións de teourería se o Goberno autnómico non lle pon solución canto antes”.

Tamén destacou o Alcalde a aposta que fai o Concello polos emprendedores. Así sinalou que “o Concello optou polo apoio ós emprendedores para buscar unha saída a crise” e indicou que “o CEI é o referente dos emprendedores da cidade, especialmente logo da eliminación pola Xunta dos programas de creación de empresas, tanto directos como a través doutras entidades”. O Alcalde lembrou que “só neste ano os técnicos do CEI axudaron a crear máis de 50 empresas en Lugo con máis de 60 traballadores contratados”.

Referiuse ademais a outros plans de fomento do emprego como o novo Plan de Infraestruturas dotado con 300.000 euros que garante máis de 25 postos de traballo, ás numerosas actuacións que se desenvolven ó abeiro do Plan Urban, o proxecto Muralla Dixital que dá bolsas de formación a 32 mozos e mozas desempregados e a outros programas financiados pola Unión Europea como son as dúas edicións do plan Lugo Emprego Activo e Lugoquálitas, entre outros proxectos desenvolvidos polo Concello.

Outras políticas para as persoas

Tocante ás políticas de educación, López Orozco destacou que, sen ter competencias propias o Concello adica 1 millón de euros ás catro Escolas Infantís Municipais, 2 millóns a limpeza, conservación, reparación e mantemento dos Centros educativos públicos e máis de 400.000 euros a Bolsas para libros, atención ós comedores escolares e a actividades extraescolares.

“Para non ter competencias non está nada mal”, sinalou o Alcalde, que tamén indicou que “seguimos á espera de que se cumpra o Pacto Local no que se refire ó Ensino”.

O Alcalde tamén se referiu ó importante esforzo inversor que leva a cabo o Goberno local en materia deportiva, do que dixo que “este esforzo inversor foi feito desde o Goberno municipal pero, tamén, desde outras Administracións, agás a Xunta de Galicia, que está ausente delas en Lugo desde o ano 2009”. E explicou que “vimos con alegría aquela reunión do señor Castiñeira co actual Director de Deportes da Xunta, anunciada a bombo e platillos na prensa, na que se prometeu arranxar o Pavillón Municipal de Deportes, pero foi unha falsa alarma e a promesa debeuse perder nun caixón, porque nada diso se produciu”.

Os retos de futuro

Logo de facer o balance de xestión, o Alcalde referiuse ós novos retos para a cidade “polos que se debe seguir traballando como pode ser a creación da Empresa Mixta da Auga, a rehabilitación e posta en marcha do Vello Cárcere como unha nova infraestrutura cultural” tamén indicou que “toda a cidadanía agardan pola rehabilitación do Cuartel de San Fernando, polo construcción dun Auditorio novo e polo remate das obras do Plan Paradai”.

“Como se ve é moito o traballo que levamos feito pero non nos damos por satisfeitos”, dixo o Alcalde.

“Un día soñamos con ter unha nova Ponte que salvara o río Miño e ese soño foi posible. Tamén soñamos con que Lugo teña un Auditorio e un Centro da Romanización. É algún día, non será sen tempo, tamén serán unha realidade estes proxectos”, sinalou López Orozco, quen rematou o seu discurso indicando que “cada día plantexámonos novos retos e miramos con confianza o futuro porque nós pensamos que Lugo e os lucenses merecemos un porvir tan rico como o é a nosa Historia”.