González Dopeso expresa a súa indignación polas graves insinuacións feitas polo Voceiro e candidato do PP ó Parlamento galego
O Concelleiro de Medio Ambiente, Lino González Dopeso, anunciou este xoves que remitirá á Fiscalía as declaracións do Voceiro e candidato do Partido Popular ó Parlamento galego, Jaime Castiñeira, sobre a Empresa mixta da Auga, xunto co expedente administrativo da mesma.
Todo o expedente sobre a Empresa da Auga se vai enviar á Fiscalía, para que o examine, por arriba, por abaixo, pola dereita e pola esquerda, xunto coas declaracións do señor Castiñeira, anunciou González Dopeso.
González Dopeso explicou que esta medida é consecuencia das insinuacións gravísimas e das mentiras do Voceiro municipal do Partido Popular, xa que considerou que non é é aceptable facer semellantes insinuacións para tentar conquerir un puñado de votos.
O Concelleiro de Medio Ambiente saiu ó paso das graves insinuacións feitas por Castiñeira e explicou que se sinte abrumado, indignado e sorprendido polas afirmacións feitas polo Voceiro popular.
Ademais, Lino González Dopeso lembroulle a Jaime Castiñeira que eu podo responder do meu patrimonio, que non só non medrou senón que diminui dende que estou no Concello e engadiu que a outras persoas seguro que lles sería máis difícil explicar o seu.
Por último, o Concelleiro de Medio Ambiente deixou claro que as declaracións do Voceiro do PP non impedirán que a Corporación municipal debata, na sesión plenaria do vindeiro luns, o proxecto para que a xestión integral do ciclo da auga se faga a través dunha Empresa mixta con maioría de capital público, que é o que figura na orde do día do Pleno.