O Concelleiro de Urbanismo e Voceiro socialista, Luis Álvarez, acusou hoxe a Jaime Castiñeira de facer todo o posible por torpedear calquera tipo de solución para a urbanización do Garañón, mesmo antes de que comecen a materializarse as distintas posibles solucións.

“Coas súas declaracións, o único que demostra Castiñeira é que o seu principal interese consiste en tratar de desgastar ó Equipo de goberno, aínda que elo sexa a costa dos lucenses”, manifestou o Concelleiro de Urbanismo.

Luis Álvarez, considera que “coas súas declaracións, o Voceiro do único partido da oposición na Corporación municipal de Lugo parece demostrar que está disposto a utilizar os seus contactos coa Xunta de Galicia para facer que o Concello, que en todo momento actuou con suxección á legalidade, se vexa abocado a retrasar a solución deste conflito urbanístico”.

O Goberno municipal, a través do Concelleiro de Urbanismo, lamenta esta nova mostra de incoherencia de Jaime Castiñeira que “continuamente alardea do seu carácter de defensor dos intereses dos lucenses no Parlamento de Galicia e, neste momento, xa dá por sentado que non vai ser posible ningunha solución satisfactoria para todas as partes”.

En todo caso, o Goberno municipal e nomeadamente a Concellería de Urbanismo seguirá traballando coa máxima intensidade e coa única finalidade de resolver esta situación que buscará conxuntamente co promotor e coa Xunta de Galicia.