A suba do 34% no canón de SOGAMA é o maior aumento da historia ao prezo do lixo aplicado pola Xunta do Partido Popular
Na concentración esixiuse á Xunta que deixe de enganar aos cidadáns porque esta suba débese única e exclusivamente á decisión do Goberno de Rajoy de suprimir as primas para a xeración de enerxía renovable e á da Xunta de anular o anterior plan
O Concelleiro do Grupo Municipal Socialista de Lugo, Manuel Chaín, participou hoxe martes na concentración contra da suba do canon de SOGAMA, organizada polo PSOE, diante da sede do Parlamento de Galicia. Os cidadáns da provincia vense obrigados a pagar cada ano preto de 1,7 millóns de euros por mor da suba da taxa do lixo, imposta pola Xunta de Galicia, e que supón un incremento do 34% con respecto ó canon anterior.
Este aumento, que implica un novo imposto para os lucenses e que entrou en vigor este mesmo mes, é a maior suba da historia que experimenta a xestión do lixo. O Executivo de Feijóo decidiu, por vontade propia, aumentar este canon, pasando de 56 a 75 euros por tonelada tratada; cantidade á que, a maiores, hai que engadir o importe do IVE. Deste xeito, con este incremento, as vivendas do municipio de Lugo que aparecen rexistradas no Instituto Nacional de Estatística (INE) están obrigadas a desembolsar por este servizo un mínimo de 12 euros máis ao ano.
É, por este motivo, polo que os socialistas acudiron á concentración, na que lle pediron ao Goberno galego que retroceda na súa decisión e deixe de enganar aos cidadáns porque esta suba débese, única e exclusivamente, á decisión do Goberno Central de suprimir as primas para a xeración de enerxía renovable e á da Xunta de anular o anterior plan. É dicir, é unha decisión política a que causa este aumento.
Galicia é unha potencia española en enerxía eólica, sen embargo, a causa da suspensións destas axudas en 2012 e da paralización da normativa autonómica, o sector afronta serios problemas. Lugo é unha das provincias máis prexudicadas, pois o 50% dos megawatios que quedan sen acceder a estas primas pertencen aos parques lucenses. Esta porcentaxe é a mesma potencia que se necesita para abastecer 600.000 fogares ou a que precisa a central térmica das Pontes para poder funcionar.
A Xunta deixa a responsabilidade do aumento aos Concellos
Con esta supresión, só en investimentos directos, en Lugo perderanse 2,1 millóns de euros, en plans industriais asociados outros 2 millóns e, en materia de emprego, tal e como recoñecen os expertos, destruiranse 6.000 postos de traballo. Por tanto, cremos que agora o aumento do canon de SOGAMA é unha mostra de insensatez e de pobreza política. É dicir, a Xunta lávase as mans e deixa a responsabilidade deste aumento en cada Concello. E non só iso, senón que os orzamentos autonómicos prevén que as entidades locais adapten os seus contratos ao novo modelo antes dun ano e, para evitar débedas que algunhas acumulan, a administración galega obrígaas a pagar mensualmente ou descontará esas cantidades da parte que lles corresponde do Fondo de Cooperación Local, destacan os representantes socialistas.